Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O GOBERNO LOCAL CELEBRA QUE SANIDADE RETOME O SEU COMPROMISO COA AMPLIACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e outros membros do goberno local mantieron antonte unha reunión telemática co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio, na que despexaron o camiño para asinar proximamente o convenio de cesión, por parte do Concello, do edificio no que a administración galega poderá acometer a ampliación do actual Centro de Saúde. Moreda Gil expresou a súa satisfacción polo compromiso acadado por Sanidade, “que resposta a unha necesidade real e manifesta que a cidadanía de Cedeira ten desde hai máis dunha década”.

O alcalde agradeceu a receptividade que ten atopado o seu goberno en Ángel Facio, así como a boa disposición do conselleiro, Julio García Comesaña, e destacou que ambos os dous responsables entenderon que esta é unha demanda máis que xustificada e longamente esperada. Expresou tamén a súa gratitude ao propio persoal do Centro de Saúde de Cedeira polo seu compromiso cos usuarios e coa mellora do servizo.

Na reunión, Moreda Gil expuxo as carencias do Centro de Saúde actual, que presenta deficiencias de tipo estrutural e construtivo. Faltan dependencias para arquivo, zona de almacén de material, salas de pediatría e fisioterapia e un espazo para ciruxía menor, entre outras necesidades, e tamén existen problemas de goteiras, malos olores e accesos deficientes. Coa cesión por parte do Concello do antigo edificio “das sindicais”, o Centro de Saúde aumentará a súa dispoñibilidade de superficie útil case nun 50 e poderá completar a súa dotación e ofrecer un mellor servizo á cidadanía do municipio e das zonas limítrofes que tamén o teñen como referencia.

Modificación do PXOM

Tal como se informou recentemente, o Concello de Cedeira acaba de contratar por máis de 17.500 euros a redacción dunha modificación puntual do PXOM que é necesaria para a ampliación do Centro de Saúde. Cómpre recordar que en decembro de 2019 a administración local comprou por máis de 60.000 euros a planta baixa, terceira e baixo cuberta do inmoble situado no número 7 da rúa Ortigueira, co que completou a propiedade do edificio e puido poñelo, na súa totalidade, á disposición da Consellería. Ao comunicar daquela á Xerencia da Área Sanitaria que o Concello tiña feito xa os deberes, entregóuselle tamén un pequeño anteproxecto sobre o que agora traballará Sanidade para definir a intervención a realizar.

O alcalde recordou que os problemas do Centro de Saúde, aínda que agravados agora coa pandemia, veñen de lonxe. Así, lembrou que no ano 2012 o Ministerio de Agricultura reservara unha partida de 2.445.000€ para ampliar e mellorar o Centro de Saúde de Cedeira -publicouse no BOE-, e que aqueles fondos non chegaron a investirse porque a Xunta non asumiu a parte correspondente. Segundo recordou, a consignación económica foi consecuencia dun programa de desenvolvemento rural que herdou do goberno anterior o ministro Árias Cañete no que se obrigaba á Xunta a aportar o 50% do investimento.

A finais de 2017 aprobouse unha proposición non de lei presentada polo PSdeG no Parlamento Galego, cos votos do PP, na que se invitaba ás partes a dialogar para buscar unha solución á necesidade de ampliación do Centro de Saúde.

Xa en maio de 2018 o Concello de Cedeira recibiu un escrito da Consellería de Sanidade solicitando a posta a disposición dalgún inmoble colindante no que poder facer realidade a actuación, e o pleno da corporación de Cedeira aprobou poucos meses despois, en decembro daquel mesmo ano, o acordo de comprar as propiedades devanditas para poñelas a disposición da Xunta.

A compra asinouse en decembro de 2019, pero non foi ata comezos deste ano cando se retomou o diálogo. En febreiro pasado aprobouse por unanimidade no Parlamento Galego unha nova iniciativa do PSdeG, na que se pedía o cumprimento dos compromisos da Consellería de Sanidade co Centro de Saude de Cedeira.

7