Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O DELEGADO DO GOBERNO CONFIRMA EN CEDEIRA A PRÓXIMA LICITACIÓN DA REXENERACIÓN DA MADALENA

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, visitou onte a praia da Madalena de Cedeira acompañado do alcalde, Pablo Diego Moreda Gil e do primeiro tenente de alcalde, José Antonio Rodríguez. No encontro, o responsable confirmou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ten listos os pregos do expediente de licitación do proxecto de rexeneración do areal e que a actuación está orzamentada. Segundo informou, sairá a concurso o vindeiro ano cun presuposto de 2.362.615,65€ (IVE incluído) e poderá executarse despois do verán para non interferir coa época de máis afluencia.

“Actuacións na morfoloxía da praia da Madalena” é o título desta ambiciosa actuación coa que se vai terminar de xeito definitivo coa degradación do areal e o retroceso da liña de costa. Culminará, coa execución deste proxecto, un proxecto que se comenzou a perfilar no mandato do PSOE e o BNG de 2015 e 2019 e do que foron cumpríndose fitos nos últimos anos. Así, en febreiro de 2019 saíu a licitación a redacción do proxecto e o estudio de impacto ambiental, que se someteron a exposición pública en 2021. A pandemia ralentizou o proceso e foi xa en abril de 2023 cando o Ministerio publicou a declaración de impacto ambiental, quedando pendente só a contratación da obra.

Para corrixir os problemas e a degradación que a praia da Madalena sofre desde finais da década dos noventa, construirase un espigón de 77 metros que asegurará a estabilidade da liña de costa fronte aos fenómenos erosivos. Xunto a ese obxectivo de devolver a estabilidade á Madalena, no proxecto prevese a reconstrución do sistema dunar e a súa repoboación con vexetación autóctona, conservando e potenciando a diversidade deste espazo e dos colindantes, incluída a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Ría de Cedeira. A actuación servirá tamén para mellorar o encauzamento da desembocadura do río Condomiñas e do regato da Veiga.

Cómpre recordar que o Ministerio para a Transición Ecolóxica custeou tamén, a través de Demarcación de Costas, a recuperación das cetarias do Sarridal. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, agradeceu a visita e celebrou a próxima licitación do importante proxecto para a praia da Madalena.