Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello segue a substituir puntos autónomos nas vivendas por rede xeral de alumeado

O CONCELLO SEGUE A SUBSTITUÍR PUNTOS AUTÓNOMOS NAS VIVENDAS POR
REDE XERAL DE ALUMEADO

O goberno de Cedeira trata de reducir custos económicos e contaminación medio ambiental coa substitución dos puntos autónomos por unha rede xeral de alumeado. O alcalde, Pablo Moreda Gil, explicou que “o Concello segue a mellorar o alumeado público naqueles núcleos de poboación onde ata agora existían puntos autónomos nas vivendas”.

A última intervención que vai nesta dirección levouse a cabo estes días nos núcleos de Malde -parroquia de Régoa- e O Rego -Montoxo- e consistiu na instalación de 12 novas luminarias ELIUM 24 LED de Benito Light de tecnoloxía LED de 53 W de potencia, unhas características que axudarán a rebaixar o consumo un 40 % entre as doce da noite e a seis da madrugada, ademais das vantaxes de contido medio ambiental.

O investimento en materiais foi de 9.970 euros (IVE incluído), xa que a man de obra correu a cargo do persoal laboral do Concello, que realizou os traballos de colocación dos monolitos e as escavacións para os apoios.
“Desde o Concello seguimos a ter como prioridade incrementar a rede xeral de alumeado nos núcleos das parroquias substituíndo todos os puntos autónomos que quedan”, segundo o compromiso manifestado polo alcalde da localidade.