Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello repartirá este ano 30 composteiros máis entre a veciñanza de forma gratuíta

O Concello de Cedeira impulsa un ano máis o Programa de Compostaxe Doméstico ofrecendo composteiros de maneira gratuíta a veciñanza. Esta iniciativa comeza no ano 2016 coa colaboración de SOGAMA, á que se engaden os composteiros que, por iniciativa municipal, foron adquiridos nos últimos tres anos.

O obxectivo é, por unha parte, reforzar a mensaxe dos beneficios da compostaxe caseira, e por outra, estender o número de familias cedeirenses que participan na experiencia distribuíndo este ano 30 novas unidades.

Para participar no proxecto é requisito residir no municipio e dispor dun pequeno xardín ou horta no que situalo. As persoas interesadas poden pedilo cubrindo un modelo de solicitude no rexistro municipal a partir de hoxe, día 31 de xaneiro, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou directamente na sede electrónica. Dado o limitado número de composteiros terase en conta a orde de chegada das solicitudes priorizando ás familias que non teñan participado en anos anteriores.

A elaboración de compost na casa ten moitas vantaxes, tanto medioambientais como económicas. A compostaxe permite reutilizar os refugallos que doutra forma acabarían no contedor verde convencional, contribúe a reducir a frecuencia do servizo de recollida, minora ás emisións de CO2 producidas durante a recollida e posterior transporte do lixo, e economiza o gasto municipal derivado do canon por tonelada no tratamento de residuos que realiza SOGAMA. Ademais, recupera un método tradicional de aproveitamento do restos orgánicos que xeramos no fogar, en torno ao 40% da composición media da nosa bolsa de lixo, obtendo a cambio un abono natural moi rico en nutrientes para aplicar na horta.

Os composteiros son resistentes á intemperie, fáciles de montar e de sinxelo mantemento. Permiten un maior control das condicións idóneas para facer compost e evitan algunhas das molestias do proceso como cheiros, roedores, etc. Xunto ao recipiente, o Concello entregará un breve manual e realizará un seguimento durante o primeiro ano.

A continuación pódese descargar os seguinte documentos: