Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO EXECUTA OBRAS DE REPARACIÓN DO PAVIMENTO DE FORMIGÓN DO PASEO MARÍTIMO

O Concello de Cedeira contratou recentemente obras de reparación no pavimento do Camiño Real da Magdalena por valor de 16.805,90€ (IVE incluído). O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que son arranxos necesarios para correxir o deterioro normal do paseo marítimo, que está levantado nalgúns puntos polas raíces das árbores e outros factores, e destacou que “é un traballo prioritario e constante do goberno local atender ao correcto mantemento dos viais da nosa titularidade, así como do conxunto do patrimonio municipal, e esta é unha actuación coa que pretendemos seguir mellorando a mobilidade nun dos tramos máis transitados do paseo e cun gran valor paisaxístico”.

Os traballos desenvolveranse no tramo do Camiño Real da Magdalena que vai da Ponte Nova ao final da praia, na zona de San Isidro. É un vial feito en formigón impreso con partes de pedra e os traballos van consistir no seu levantamento e reposición nunha superficie que suma uns 159 metros cadrados.

O Concello solicitou presuposto a varias empresas e adxudicou as obras a Construción e Restauración Painceira Breixo por presentar o máis ventaxoso.