Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello de Cedeira colabora coa asociación a crina na xuntanza e ruta cabalar deste sábado

O CONCELLO DE CEDEIRA COLABORA COA ASOCIACIÓN A CRINA NA XUNTANZA E RUTA CABALAR DESTE SÁBADO

O Concello de Cedeira colabora coa asociación ecuestre A Crina para a celebración da xuntanza e ruta cabalar que terá lugar o próximo sábado no polígono industrial A Trabe. En concreto, a administración local fixose cargo de limpar a zona na que terá lugar o encontro, así como da instalación do valado e a conexión cos servizos de auga e luz. O presidente da entidade, Ismael Durán, valora esta axuda e colaboración institucional, ademais de invitar a veciños e visitantes a secundar coa súa presenza unha cita con moita tradición no municipio.

O programa, que dará comezo ás 9.00 horas, inclúe saída polos montes da Capelada, un xantar e probas de andadura galega cronometrada, de calidade e aparellada ao longo de toda a tarde. Desde a organización, que corre a cargo da entidade ecuestre, apuntan que a hora límite para a medición e inscrición dos cabalos será ás dúas da tarde e que nas carreiras de aparelladas só poderán tomar parte os catro primeiros clasificados das probas de andadura cronometrada. Tamén se informa do uso obrigatorio de casco entre os participantes en calquera das 30 probas previstas.

As contías dos premios oscilarán entre os 40 e 100 euros, ademais de sacos de penso. O importe global ascende a 1.720 euros.

As persoas interesadas en participar no xantar, que estará amenizado polo dúo Deluxe, teñen de prazo ata o día 26 para apuntarse a través dos teléfonos 659 135 902/686 630 304/618 551 934/ 646 192 784. O menú consistirá en paella, churrasco, pan, bebida, sobremesa, café e licor. O prezo por persoa é de 20 euros. A organización quere chegar ata os 250 menús.