Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA PROMOVE DIFERENTES CURSOS DE FORMACIÓN PARA IMPULSAR O EMPREGO

O Concello de Cedeira organiza a través da Concellería de Promoción Económica e Emprego catro cursos gratuítos que teñen como finalidade mellorar a formación das persoas participantes e fomentar o emprego. Xunto cun curso de galego, que comezou o pasado venres, en vindeiras datas impartiranse outros de Atención sociosanitaria a dependentes, monitor de tempo libre e hostalería. Os prazos de inscrición e datas dos programas daranse a coñecer a través do “Cedeira Informa”.
O curso de “Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais” vai dirixido a capacitar ás persoas participantes dos coñecementos e habilidades necesarias para poder desempeñar o coidado e atención adecuada das persoas usuarias destes servizos.
O curso de monitor ou monitora de tempo libre que se vai impartir, segundo informan desde a Concellería de Emprego, ten a consideración de curso de primeiro nivel, segundo o Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude.
Por último, o curso de hostalería é un programa orientado a capacitar cos coñecementos necesarios para traballar no servizo dun bar ou unha cafetería, procurando unha resposta á alta demanda de persoal especializado no sector da restauración.
O goberno local de Cedeira quere facer unha aposta polo emprego impulsando a capacitación de persoas desempregadas que terán, a través da formación, mellores condicións para acceder a postos de traballo en sectores demandantes, como son neste caso a hostalería ou os coidados sociosanitarios.