Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA A OBRA DE AMPLIACIÓN DO POLIDEPORTIVO QUE DARÁ MAIOR SUPERFICIE AO XIMNASIO

O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente de licitación do “Proxecto de ampliación do Pavillón Polideportivo” cun orzamento de 61.905€ (IVE incluído). A actuación servirá para dotar ao ximnasio de maior superficie, adecuándoo ao aumento de persoas usuarias que ten experimentado a instalación nos últimos anos e permitindo a posta en servizo de máis máquinas.

O ximnasio ocupa actualmente uns 83 metros cadrados nun espazo rectangular aberto cara á pista multideporte do pavillón, cunhas cortiñas que se pechan durante o desenvolvemento de competicións. É un dos dous núcleos rectangulares que sobresaen na liña da fachada oeste do edificio do Polideportivo –o outro alberga as escaleiras- e a actuación consistirá en prolongalo ata a fachada sur respetando a alineación desta última.

Habilitarase así unha superficie diáfana de 119 metros cadrados, o que supón ampliar o espazo actual nun 46%. Será un espazo máis axeitado para o número de persoas que utilizan estas instalación, tanto xente moza como maiores, en actividades e entrenamientos persoais ou en programas dirixidos como as clases de Ximnasia Terapéutica do Concello ou as sesións da asociación Apader.

Para acometer a obra, o goberno local ten solicitada á Xunta de Galicia unha axuda, no marco dunha convocatoria para a mellora das instalacións deportivas municipais, que cubriría o 80% do orzamento.

Cómpre recordar que nos últimos Orzamentos Participativos do Concello de Cedeira saiu aprobada a proposta denominada “Cedeira respira deporte”, que consistirá na adquisición de novo equipamiento para o ximnasio por valor de 22.602€. Ademáis de permitir unha colocación da maquinaria actual máis folgada, a ampliación do edificio vai deixar sitio para os novos xogos de halteres, ketlebel e as máquinas de fortalecemento muscular que se van incorporar con cargo aos ditos orzamentos, decididos polo alumnado de terceiro da ESO do IES Punta Candieira.