Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ADXUDICA AS OBRAS DE MELLORA DO SANEAMENTO DA RÚA MARÍA MEDIADORA

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira acaba de aprobar a adxudicación das obras de mellora do sistema de saneamento na rúa María Mediadora por un presuposto de 67.422,19€ (IVE incluído). A empresa encargada terá un prazo de tres meses para a realización destes traballos, cos que esta rúa do casco urbano pasará a contar tamén con rede separativa para a recollida das augas pluviais e as residuais. Coa actualización do sistema de saneamento realizarase tamén a reposición de todo o firme da calzada.

A actuación conta con financiación do Plan Complementario da Deputación da Coruña. Actualmente a rúa María Mediadora ten rede unitaria de saneamento, de maneira que se recollen as augas residuais das casas e os pluviais a través de sumidoiros que non están conectados aos caleiros dos edificios. As obras abranguerán a instalación dunha nova rede de recollida da auga da choiva, conectando as baixantes. Demolerase o colector unitario existente e sustituirase por unha nova rede de recollida de augas residuais, e finalmente reporase todo o firme da calzada.

Estas obras forman parte do programa de mellora de saneamento que o Concello de Cedeira está a impulsar e que, entre outros beneficios, suporá levar ás depuradoras un volumen moito menor de augas e abaratar o seu custo do tratamento. Co sistema separado de recollida chegan ás depuradoras únicamente as residuais, mentres que as da choiva van por outro lado.