Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ADXUDICA A MELLORA DO FIRME EN CATRO CAMIÑOS CUN ORZAMENTO SUPERIOR AOS 33.000€

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou a adxudicación da obra de mellora dos firmes nos viais que dan acceso aos lugares de Santallamar, Corcobelas, Magoira e Os Candales, por un importe de 33.049,59€ (máis IVE). A empresa Excavaciones Saavedra y López SL será a encargada duns traballos financiados cunha partida que inclúe fondos sobrantes do programa POS+Adicional 2021 que serán completados a cargo do Concello.

A actuación ten un prazo de execución de dous meses e implicará a renovación do asfalto en máis de 1,6 quilómetros de camiños municipais que dan acceso a estes catro núcleos rurais do municipio, o que derivará nunha mellora na seguridade viaria da zona. En todas as pistas procederase a limpar as gabias e varrer a calzada co obxectivo de aproveitar ao máximo o ancho dos viais. Con posterioridade farase un recheo das fochancas e tratarase o firme aplicando unha capa de aglomerado asfáltico en quente de cinco centímetros.

Con 447 metros de percorrido e un ancho de 3,10 metros, o camiño de máis lonxitude no que se vai mellorar o firme é o dos Candales; seguido do vial de Corcobelas, no tramo que vai dende o propio núcleo ata a estrada AC-566, neste caso, con 410 metros de lonxitude e o mesmo ancho co anterior.

O proxecto contempla tamén a actuación nas pistas de Santallamar, que da acceso ao núcleo máis importante de vivendas e que ten unha lonxitude de 221 metros; así como na de Magoira, concretamente nun camiño de 240 metros de percorrido e nunha bifurcación do mesmo de 316. Todos eles terán un ancho medio de 3,10 metros.