O CONCELLO APROBA OS CONVENIOS CON APADER, ABAC, ASOCIACIÓN SAN ANDRÉS E CONFRARÍA DE PESCADORES
A Xunta de Goberno Local de Cedeira vén de aprobar catro novos convenios de colaboración cos que o Concello apoia o funcionamento de Apader, da Asociación polo Benester Animal de Cedeira (ABAC), da asociación San Andrés de Teixido e da Confraría de Pescadores. Cada un deles, destacou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, é “un recoñecemento da importancia que damos no Concello ao seu traballo a prol da dinamización da vida social e cultural na localidade”, e en particular no caso da confraría, “amosa o respaldo que queremos dar a unha actividade económica capital para a vila”.
Así, o novo convenio de colaboración coa asociación Apader, unha entidade cunha longa traxectoria adicada a mellorar a vida das persoas con discapacidade psíquica, supón unha aportación de 10.000 euros. A aportación municipal serve á entidade para cubrir gastos de funcionamento, máis concretamente de persoal, esenciais para manter os seus servizos.
Tamén aprobou a Xunta de Goberno Local o novo convenio coa asociación cultural San Andrés de Teixido, dotado con 3.500€. A entidade está adicada a promover e difundir o interese turístico deste enclave e, entre outras actividades, organiza a rapa das bestas.
O Concello de Cedeira aporta a través doutro convenio nominativo 12.000€ á asociación ABAC. As persoas voluntarias desta entidade realizan unha importante tarefa de control poboacional das colonias felinas e a súa colaboración fixo de Cedeira un referente no cumprimento da lexislación de benestar animal.
A Confraría de Pescadores de Cedeira recibirá este ano 12.000€ do Concello, unha subvención cuxo obxecto é contribuír a cubrir os gastos correntes e de persoal da lonxa, seguros, reparación e adaptación de vehículos do pósito, os gastos de ferraxería e combustible ou outros gastos de reparación de elementos básicos para o funcionamento das actividades de titularidade da asociación.
Tal como se informou recentemente, o goberno local de Cedeira aprobou tamén outros novos convenios con Protección Civil, Cruz Vermella, Sobre Rodas, asociación Mares e ARCE, por un importe que suma 53.300€, aos que se engaden agora estes catro novos, por valor total de 37.500€.