Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ADXUDICA A SUBMINISTRACIÓN DOS NOVOS CONTEDORES MARRÓNS PARA A RECOLLIDA DE BIORRESIDUOS

O Concello de Cedeira adxudicou por 25.598,76€ o contrato de subministración do equipo e materiais para a implantación do novo sistema de recollida selectiva de biorresiduos. Así, o municipio vai dotarse de 25 colectores de cor marrón de 800 litros e doutros 100 de 360 litros, nos que a veciñanza poderá depositar os residuos da chamada “quinta fracción”, que corresponden á materia orgánica biodegradable.

Coa implantación do contedor marrón, o Concello de Cedeira vai poder acadar os obxectivos propostos pola UE en materia de recollida selectiva, reducindo a cantidade de biorresiduos que chegan a vertedoiro e facilitando o seu aproveitamento como fertilizantes ou para a xeración de enerxía.

Os novos colectores situaranse na vía pública e distribuiranse chaves entre a veciñanza para que poida facer uso deles. Neles poderán depositar restos de alimentos crus ou cociñados, pelicas de froitas, cascas de ovos e froitos secos, pousos de café e papel de cociña usado, entre outros. Xunto cos citados 125 contedores, a empresa adxudicataria subministrará tamén 93 caldeiros domésticos e 744 rollos de bolsas compostables –de 30 bolsas cada un-, que o Concello distribuirá entre a cidadanía para fomentar a participación activa na recollida selectiva dos biorresiduos.

O Concello de Cedeira realiza a compra de todo este material contando con fondos Next Generation, que solicitou a través dunha convocatoria da Consellería de Medio Ambiente e que van destinados tanto á subministración dos contedores como á realización de campañas de sensibilización e información á cidadanía e ás empresas.