MOREDA GIL ACUSA AO CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN DE NINGUNEAR Á VILA DE CEDEIRA
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, informa de que a petición da entrevista co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, formulada desde o Concello coa sinatura dos tres grupos políticos con representación municipal foi respostada antonte emplazando aos voceiros a unha xuntanza co xefe territorial Indalecio Cabana. O rexedor considera dita resposta “un ninguneo para o pobo de Cedeira, os seus grupos políticos e a comunidade educativa do IES Punta Candieira” e adiantou que non acudirán a dito encontro, a non ser que sexa co conselleiro.
Moreda Gil recordou que a petición da entrevista xurdiu dun pleno da corporación no que, por unanimidade, a corporación cedeiresa aprobou unha declaración institucional rexeitando o drástico recorte de profesorado aplicado no plantel docente do instituto. “Sen pretender menosprezar ao xefe territorial de Educación, consideramos que a reacción política, coa unanimidade dos grupos do PSdeG-PSOE, o BNG e o PP, e a mobilización cidadá que esta situación suscitou na nosa vila merece que o máximo responsable, o conselleiro Román Rodríguez, nos reciba de inmediato”.
O alcalde criticou que o conselleiro trate de desviar ou pasar por alto o problema e recorda que se estivo en Cedeira para a presentación da serie “Rapa” debería estar tamén para tratar este tema. O Concello, sinalou, ten realizado numerosos investimentos para mellorar as instalacións tanto do instituto como do colexio públicos e mantén unha liña de colaboración permanente coas comunidades educativas. “A nosa aposta polo ensino público quedou patente, máis aló do que son as estritas competencias dunha adminstración local”, comentou Pablo Diego Moreda Gil. “Agora esiximos que Román Rodríguez estea á altura das circunstancias e que nos reciba de inmediato”, dixo, “porque a medida que tomou afecta á calidade educativa no instituto de Cedeira e ao futuro da nova mocedade”.