Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Impulso ao Xeoparque do Cabo Ortegal

IMPULSO AO XEOPARQUE DO CABO ORTEGAL

Todos os alcaldes dos concellos implicados no proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, salvo o de Valdoviño, edís e algún técnico percorreron durante un par de días os municipios guipuscoanos de Mutriku, Deba e Zumaia, que conforman o Geoparque da Costa Vasca. Os responsables municipais de Cedeira, Cerdido, Cariño, Ortigueira, Moeche e San Sadurniño regresaron convencidos da viabilidade do proxecto, adaptando o modelo de xestión vasco

¿Que se atoparon os rexedores durante a súa viaxe a Euskadi?

O Geoparque da Costa Vasca entrou a formar parte da Rede Europea e Global de Geoparques en 2010 e en 2015 foi declarado Geoparque Mundial da Unesco, polo que levan varios anos traballando. Abarca os municipios de Mutriku, Deba e Zumaia e está xestionado pola Asociación Geogarapen, formada polos tres concellos (socios fundadores), o Goberno Vasco, a Deputación Foral de Guipúzcoa, entidades comarcais, a Sociedade de Ciencias Aranzadi e Unesco Etxea. Desenvolven actividades no campo da ciencia, a divulgación, o geoturismo, a educación ambiental ou o desenvolvemento local, e contan coa implicación do sector privado. De feito, os empresarios turísticos foron os máis beneficiados, de forma directa, desde o recoñecemento do geoparque. Tamén se creou a entidade de Amigos do Geoparque, como un elemento para reforzar a cohesión entre todos os axentes que operan neste territorio. O financiamento corre a cargo dos concellos, subvencións doutras administracións e os fondos obtidos polas visitas guiadas e outros produtos.

¿Variou a súa visión do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal?
A experiencia destes días avivou o entusiasmo dos alcaldes polo proxecto, do que empezou a falar publicamente hai uns anos o geólogo Francisco Canosa. «Fai falta xenerosidade por parte de todos e estamos convencidos de poder facelo (…). O cambio que produciu alí no territorio foi tremendo, cun novo modelo de desenvolvemento da comarca, sostible», destacou o cariñés José M. A. Pumar. «Vexo que hai que cambiar a mentalidade, traballar en conxunto, sumando forzas. Os tres alicerces son o espazo [os recursos], o plan de desenvolvemento e as persoas que vas implicar», recalcou o ortegano Juan P. Muras. «Debemos facelo, nós apoiaremos en todo o que poidamos, é un tema de longo percorrido, cunha repercusión económica importante», apuntou o edil de San Sadurniño Manolo Varela. «Animáronnos moito e véxoo moi viable», subliña Benigno Galego (Cerdido). «Pode ser un antes e un despois a nivel turístico, temos cantidade de recursos, só hai que ensinalos, protexelos e coidalos», resume Pablo Moreda (Cedeira). «Todos temos moito que poñer e moito que gañar, imos ter que traballar xenerosamente, require un grao de coordinación moi grande», abunda Beatriz Bascoy (Moeche). Todos coinciden na necesidade de implicar á sociedade e a súa identificación co proxecto.

¿Cales son os próximos pasos a dar na zona?

Os alcaldes convocarán unha reunión para perfilar os seguintes pasos, á espera de que a Deputación aprobe o novo plan de Patrimonio, ao que optarán para financiar o arranque do proxecto. Pumar explica o calendario orientativo que tiveron pensado na costa vasca, onde se brindaron a colaborar: «En xaneiro de 2018, solicitar á Unesco, cunha carta, a nosa intención de empezar a ser guiados ou tutelados (…). Necesitamos un ano para traballar con filosofía de geoparque, aínda sen selo. E en xaneiro de 2019 presentariamos a candidatura formal». A primeira actuación consistiría en elaborar un inventario dos puntos de interese xeolóxico, aínda que xa existe un catálogo feito por Canosa.

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Impulso ao Xeoparque do Cabo Ortegal