Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

GUADI GALEGO, PARIS DE NOIA, ESPECTÁCULOS PARA PÚBLICO FAMILIAR E FOGOS ARTIFICIAIS NAS FESTAS DA PATROA DE CEDEIRA QUE TERÁN LUGAR DO 10 AO 17 DE AGOSTO

O Concello de Cedeira celebrará do 10 ao 17 de agosto as súas Festas da Patroa cun intenso programa dirixido a todos os públicos no que haberá espazo para as verbenas, concertos musicais, espectáculos de rúa e a tradicional procesión marítima, entre outras propostas. Unha das citas máis especiais terá lugar o venres 16, véspera da Xira, coa actuación da recoñecida artista cedeiresa, Guadi Galego, nun concerto que tamén contará coa actuación da banda Xangai.

Os festexos comezarán o sábado 10, a partir das 20.00 horas na Praza do Concello, coa lectura do pregón a cargo do Club de Remo de Cedeira, acompañado da AC Buxainas. O goberno cedeirés volve apostar así polos colectivos da vila para inaugurar o programa festivo. Desta volta, a protagonista será a devandita entidade deportiva, un clube que tempada tras tempada pon o nome de Cedeira no mapa das competicións estatais e internacionais. A festa da xornada inaugural continuará a partir das 22.30 horas na Praza Roxa, coa celebración do Entroido de Verán, amenizado coa música da Discomóbil CDC e con Festa da Escuma incluída.

O domingo 11, ás 22.30 horas na Praza Roxa, será a quenda para o Grupo Claxxon, que fará gozar ao público co seu poderoso directo e o seu particular percorrido polo pop-rock desde os anos 70 ata a actualidade.

A actividade do luns 12 comezará ás 20.00 horas coa actuación da compañía Collectif Primavez e o seu espectáculo “Laisse moi”. Será na Praza Floreal, espazo no que os artistas sorprenderán ao público coa súa mestura de danza e acrobacias en mástil chino. A partir das 22.30 horas, o epicentro das festas estará na Praza Roxa, coa actuación do grupo Black Bigstage, que chegará a Cedeira co seu potente directo no que versionan a grandes artistas como Aretha Franklin, Otis Redding o Steve Wonder e outras grandes voces da música negra.

O martes 13, cuarto día de festexos, a Praza Floreal acollerá ás 20.00 horas o espectáculo de circo e danza “361º”, de Proyecto Tránsito. Pola noite, a partir das 23.00 horas na Praza Revolta, actuará a orquestra Paris de Noia.

A Praza Floreal volverá ser o mércores 14, ás 20.00 horas, escenario dunha nova cita dirixida ao público familiar, nesta ocasión co teatro actoral e de marionetas como principais ingredientes. Trátase do espectáculo “De Vilatriste a Vilalegre”, de A Utópica Rodante, unha coprodución do Centro Dramático Galego e Teatro ó Cubo. Los Satélites e Origen encargaranse de pechar a xornada cunha verbena que dará comezo ás 22.30 horas na Praza Roxa.

Chegarase así ao 15 de agosto, Día da Patroa, cuxa actividade dará comezo ás 12.00 horas cunha misa cantada pola Coral Eixil. Ás 13.30 horas, na Praza Roxa, a Banda de Música Vila de Cedeira encargarase de amenizar a festa cun concerto e xa pola noite, a partir das 22.30 horas de novo na Praza Roxa, o Grupo Bomba e a orquestra Finisterre poñerán o colofón musical a unha xornada que incluirá, ás 00.00 horas, unha sesión de fogos artificiais.

O venres 16, á misa prevista para as 11.00 horas seguiralle a tradicional procesión marítima, que contará coa participación da Banda de Música Vila de Cedeira. Ás 22.30 horas, na Praza Roxa, vivirase unha das actuacións máis especiais dos festexos deste ano coa actuación de Guadi Galego. A cedeiresa, unha das artistas máis relevantes da escena galega actual, tocará na casa para deleitar ao público con algúns dos temas máis coñecidos do seu repertorio, entre os que non faltará o dedicado á súa vila, “Cedeira”. A artista vén de sumar o pasado mes de maio un novo premio á súa traxectoria musical, ao acadar o Premio Martín Códax da Música á Mellor Canción de Autora na edición de 2024 (galardón que xa conseguira en 2016, na mesma categoría, e en 2020 na categoría de Pop Indie). A cantante e compositora compartirá concerto coa banda Xangai, grupo do que forman parte nomes imprescindibles da música galega e do movemento de rock bravú.

Cedeira despedirá as Festas da Patroa, como é habitual, coa celebración, o sábado 17, da tradicional Xira en San Antón de Corveiro, romaría que reúne a moitos veciños e visitantes ao pé da capela. A orquestra La Ocaband poñerá á nota musical á derradeira cita do programa, a verbena prevista para as 22.30 horas na Praza Roxa.