Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

FOTOS E RESUME DO 1º DÍA DE AVALIACIÓN POR PARTE DA UNESCO DO PROXECTO DE XEOPARQUE DO CABO ORTEGAL

Empezamos puntuais, ás 8:00h, cunha xuntanza de contextualización tanto do proxecto como dos valores do territorio -xeolóxicos, culturais, socioeconómicos, turísticos- e unha explicación introdutoria das accións que se están levando a cabo desde a Asociación para a Xestión do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, formada polos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.

No encontro, celebrado na recentemente rehabilitada “Casa Avelino” de Cedeira, participou o presidente de quenda da entidade, José Miguel Alonso Pumar -quen acompañou aos avaliadores durante toda a xornada-, e tamén o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, ademais de persoal técnico do proxecto -a consultora María Mesías e o xeólogo Fran Canosa-e Sonia Sánches e Sonia Arenas, da Facultade de Ciencias Xeolóxicas da Universidade Complutense.

Ao remate da xuntanza, sobre as 11.00h, e coa axenda moi axustada, a misión de avaliación achegouse até Valdoviño para coñecer os distintos graos de protección ambiental do territoiro nun encontro no miradoiro do Paraño coa Directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo. Tamén asistiu o presidente da Asociación de Percebeiros de Meirás, Roberto Horjales.

En Valdoviño tamén se visitou o Océano Surf Museo, o primeiro do Estado sobre esta disciplina deportiva. Os avaliadores, acompañados polo alcalde, Alberto González, intercambiaron impresións con Marcos Pita, propietario da escola de surf Pantín Surf Camp, con Vicente Irisarri -un dos pioneiros do surf en Galicia e no Estado- e co xerente da federación estatal, Lourenço Chaves.

Xa pola tarde, a primeira parada foi no Mares de Cedeira Museo para descubrir alí a tradición e a actual importancia do mundo mariñeiro da man de José de Vigo, un dos impulsores do museo e grande activista sociocultural cedeirés.

A visita ao Mares de Cedeira abriu boca para a xeorruta marítima entre o peirao vello da vila e Cabo Ortegal coa empresa de turismo activo Rutas Cedeira, atendendo ás explicacións dos xeólogos a bordo sobre as particularidades dos cantís de Herbeira, dos do Limo -menos elevados pero máis verticais- e do propio cabo, punta que se adentra no mar do complexo xeolóxico que lle dá nome ao proxecto e que, ademais, é o maior afloramento de ecloxitas do planeta, un tipo de rochas que se atopan a máis de 70 quilómetros de profundidade e que aquí se poden ver en superficie.

A xornada rematou no Castelo da Concepción e no xacemento arqueolóxico do Castro de Sarridal reuníndose con persoas emprendedoras relacionadas co turismo: o artesán Jorge Bellón, José Manuel Breijo (Portal Norte), Daniel Pérez (Orixen). Tamén participaron Andrés Rodríguez en representación da asociación ambiental ARCE, o xerente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, Luís Alcalá, e os anfitrións: a concelleira de Cultura de Cedeira, Carmela Prieto, e o rexedor municipal, Pablo Moreda.

Hoxe luns 29 de agosto, segundo día da misión, os avaliadores da Unesco desprazaranse aos concellos do interior do proxecto: San Sadurniño, Moeche e Cerdido.