Presentación do libro “Mulleres espontaneadas. Fraxilidade humana e cópula carnal nas comarcas do Eume e Ferrol XVIII-XIX”
-
Data
6 Maio, 2023
-
Hora
12:00 pm
A praza da Reitoral de Cedeira –ou a biblioteca López Cortón en caso de choiva- acollerá o vindeiro sábado, día 6, a presentación do libro “Mulleres espontaneadas. Fraxilidade humana e cópula carnal nas comarcas do Eume e Ferrol XVIII-XIX”, resultado da investigación realizada polo arquiveiro Ángel Arcay, no que se recollen 555 casos de mulleres que se declararon “espontáneas ou espontaneadas” ante a xustiza para lexitimar os fillos nados fóra do matrimonio. O acto será ás 12.00 do mediodía e no mesmo intervirán o autor e Belén López, de Baía Edicións.
Entre os casos que puido documentar o autor do libro hai 222 de Cedeira, un número moi importante dentro do territorio analizado, as comarcas de Ferrol e do Eume. O proceso do “espontaneamento” garantía na época que a nai contaba coa protección da xustiza, de maneira que ninguén podía insultala ou atacala pola situación e en tal caso ela podía denunciar. O gran número de casos documentados pon de manifesto que o nacemento de fillos fóra do matrimonio era unha situación bastante frecuente na época e, segundo se apunta no libro, ata bastante aceptada socialmente. A condena social chegou máis na segunda metade do século XIX e en zonas urbanas.
Ángel Arcay (Betanzos, 1988) é licenciado en Historia pola Universidade de Santiago e especialista en Arquivos pola Universidade de Oporto. Dirixe a Biblioteca e o Arquivo Municipal de Betanzos e o Museo das Mariñas desde o pasado ano e é, tamén, director do Anuario Brigantino. Ten realizado outras investigacións polas que mereceu diferentes recoñecementos e este traballo sobre as mulleres espontaneadas obtivo o premio Hume.