Os xogos do Paporrubio
-
Data
22 Agosto, 2021
-
Hora
5:30 pm
Hoxe domingo 22 de agosto ás 17.30 h. na Zona San Isidro.
Os xogos do Paporrubio é un compendio de xogos autónomos e animados de temática agraria, que nos dá a coñecer un dos paxaros máis pequenos, rebuldeiros e cantaruxeiros da nosa fauna. O noso paporrubio, calzado cuns zoquiños, guía a nenos e maiores por unha eira chea de xogos. Os participantes nesta aventura terán que ir descubrindo como se xoga a algúns dos xogos, mentres que se sorprenderán noutros deles grazas ás pequenas historias contadas e cantadas polos animais e habitantes da granxa, elaborados con xoguetes, marionetas e xigantes.
A pretensión é facerlle accesible, a través da diversión en familia, unha cultura agraria que de por si adoita fascinar e marabillar. O espectáculo adáptase ás necesidades e particularidades de cada evento.
O GALIÑEIRO: Este singular e máxico galiñeiro ten catro galiñas moi poñedoras. Os xogadores terán que espertalas, cantar con elas e debullar o millo para darlles de comer.
A CASA DO RATO: Nesta casa vive un ratiño presumido e brincador que só se deixa ver cando os xogadores son capaces de meterlle un queixo rolando pola súa porta.“Ratiño, gústache o queixo?”
A CARREIRA DAS TARTARUGAS: Son as tartarugas máis rápidas da súa especie (Sapoconchus Velocis) e sempre están dispostas a botarlle unhas carreiras. Precisan de habilidosos equipos de xogadores para poder chegar á meta sorteando máis dun atranco.
OS PAPAMOSCAS: Son uns xigantes malencarados de grande boca e longos brazos. Estes xigantes realizan un baile chamado a “Danza da sorte”, no que os participantes deberán tentar tocalos mentres bailan, pero iso si, sen que lles dean unha labazada.
OS PORQUIÑOS: O san Martiño non é santo de devoción destes zoupóns porquiños, pois sempre pretenden escapar ás carreiras do seu destino valéndose das destrezas e mañas dos equipos de xogadores.
A LONXA: É un divertido xogo de pesca no que hai que competir para capturar as especies máis cotizadas nese momento na lonxa. Os xogadores aprenden a diferenciar pola súa forma e nome os distintos peixes das nosas rías.
O CUSPEBÓLAS: O cabezudo espera que teñades unha boa puntería para encestarlle as bólas e facelas caer nos buratos da mesma cor.
A RULETA: “Abran xogo, sempre toca! Se non é un zapato, é unha bota!” A sorte nunca se sabe onde se agocha, pero sempre hai que procurala.