Inauguración Exposición Permanente da Colección Rafael Usero
-
Data
23 Decembro, 2023
-
Hora
11:00 pm
O Concello de Cedeira vai inaugurar este sábado 23 de decembro, ás 13.00h, a Exposición Permanente da Colección Rafael Usero no Palacete Municipal. O concelleiro de Cultura, José Antonio Rodríguez, invitou á toda a veciñanza ao acto e a coñecer os obxectos que o Cronista Oficial da Vila foi recollendo ao longo dos seus anos como profesor de Historia no IES Punta Candieira e tamén despois, xa xubilado. Usero compartiu co alumnado as súas pescudas sobre o pasado da localidade, de maneira que nenos e nenas, e a través deles tamén as familias, involucráronse levándolle diferentes achados e pezas que estaban nas casas.
O concelleiro José Antonio Rodríguez recordou que o pleno da corporación cedeiresa aprobou xa no ano 2021 o acordo para poñer en valor a colección de Rafael Usero, cumprindo unha vella aspiración do profesor, e que o anterior goberno puxo en marcha, sendo concelleira de Cultura Ermitas García, a adecuación das dúas salas da planta baixa do Palacete Municipal para acollela, así como outras tarefas como o inventariado, a catalogación e a recuperación dalgunhas pezas. Subliñou que a mostra é unha construción colectiva de moitos veciños e veciñas de Cedeira, de todas as persoas que fixeron a Usero depositario destes obxectos.
Na colección ten particular peso a presencia de machados prehistóricos, ferramentas que se conservaron porque a xente lles atribuiu propiedades máxicas. Porén, a exposición reúne obxectos de épocas e natureza moi diferente, desde pezas cerámicas ou de madeira, algunhas delas procedentes de antigas igrexas parroquiais como por exemplo un frontal de 1718 do retablo da de San Román de Montoxo.
A exposición poderá visitarse no horario habitual da Oficina de Turismo, que ocupa tamén parte da planta baixa do Palacete Municipal: de luns a venres, de 09.00 a 14.30 e os sábados de 10.00 a 14.00h.