Skip to content Skip to left sidebar Skip to right sidebar Skip to footer

8 de marzo “Día da Muller”

Este evento terminou

As celebracións do 8M en Cedeira van incluír un ano máis a entrega do premio Muller da Vila, que concede a Asociación de Mulleres da Vila. Desta volta recae na xunta local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), un equipo formado fundamentalmente por mulleres que é “un exemplo de superación e de esperanza para as persoas que enfrontan a enfermidade”, en palabras de Ángeles Villar, presidenta de Mulleres da Vila. Xunto con este acto que organiza a entidade co apoio do Concello e que será o día 12 no Auditorio Municipal, ás 18.00 horas, o goberno local programou para o día 8 un acto institucional e a inauguración dun Punto Lila na Biblioteca Municipal López Cortón con lecturas de temática feminista dirixidas a todas as idades.

Así, e tal como informou a concelleira Carmela Prieto, o Día Internacional da Muller conmemorarase coa lectura dun manifesto de reivindicación da igualdade en todos os eidos. O acto será ás 12.00h diante do consistorio e contará cun acompañamento musical a cargo dunhas rapazas do IES Punta Candieira e dun grupo da Escola de Música Vila de Cedeira. A continuación, os participantes acudirán á Biblioteca Municipal López Cortón para inaugurar o Punto Lila, no que se van concentrar diferentes lecturas relacionadas coa igualdade entre xéneros, tanto contos para o público infantil como libros para a mocidade ou as persoas adultas. A biblioteca reúne neste espazo tanto volumes que xa formaban parte dos seus fondos como outros novos que mercou o Concello para enriquecelo.