Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

EN CURSO UNHA NOVA ESCAVACIÓN NO SARRIDAL QUE O EQUIPO ARQUEOLÓXICO COMPAXINA CON VISITAS GUIADAS

O equipo de Axa Arqueoloxía vén de iniciar unha nova campaña de escavación no castro do Campo Sarridal, desta volta financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio. De novo as tarefas vanse compaxinar coa divulgación, a través da organización de tres visitas guiadas convocadas para os xoves 23 e 30 de maio e para o 6 de xuño (que inicialmente era este xoves pero acaba de adiarse por mor da choiva) sempre ás 12.00 do mediodía e sen necesidade de inscrición. Tal como explicou Emilio Ramil, o director dos traballos, o ano pasado achegáronse ás visitas tanto veciños e veciñas de Cedeira como doutros municipios da comarca, así como colexios e institutos da contorna. Tamén este ano estase a organizar a través do Concello algún outro percorrido, ao marxe dos días e horario devanditos, para grupos escolares.

Os traballos céntranse nesta ocasión nunha superficie de preto de 50 metros cadrados ao norte do monumento con forno do castro, unha estrutura de gran valor na que se atopou a pedra formosa máis antigüa de Galicia. As investigacións revelaron ata o momento que este enclave estivo habitado desde a Idade de Ferro, no século IV a.C. ata o IV ou V d.C., polo que abrangue a cultura castrexa, a romana e tamén a etapa da entrada dos visigodos.

Ramil explicou que a escavación permitirá coñecer novos restos, nunha zona na que cabe supoñer que poidan estar algunhas dependencias auxiliares da forxa que está próxima. Nesta mesma campaña, que se vai prolongar ata a primeira semana de xuño, van incluídas tamén as tarefas de consolidación das descubertas.

O Concello de Cedeira está a traballar para artellar unha vindeira campaña de escavacións que se pretende desenvolver pola zona do camiño. A intervención vai precisar da construción dunha ponte de madeira que garanta o paso de peóns durante a realización dos traballos, polo que o goberno municipal está a estudar a viabilidade de obter algunha axuda da Deputación, ao marxe da aportación municipal e a da Xunta. Desde o ano 2017 sucédense diferentes campañas custeadas alternativamente polo Concello de Cedeira e a Dirección Xeral de Patrimonio.