Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira amplía significativamente o seu patrimonio coa localización da quinta “pedra formosa” que existe en Galicia

CEDEIRA AMPLÍA SIGNIFICATIVAMENTE O SEU PATRIMONIO COA LOCALIZACIÓN DA QUINTA “PEDRA FORMOSA” QUE EXISTE EN GALICIA

Cedeira entra pola porta grande no mundo da arqueoloxía castrexa co descubrimento dunha “pedra formosa” -das que ata o de agora só había catro en Galicia- na escavación arqueolóxica financiada pola Xunta de Galicia e executada polo equipo de Emilio Ramil na zona de Campo do Castro, máis concretamente, na punta do Sarridal.

As pedras formosas forman parte da ornamentación dos denominados “monumentos con fornos”, uns complexos arquitectónicos vencellados ao mundo castrexo e pensados para tomar baños de vapor. Un atrio, unha antecámara -na que tamén existe un banco-, unha cámara e a entrada ao forno son espazos perfectamente identificables dentro da superficie dos cen metros cadrados nos que se está a traballar desde os primeiros días do presente mes.

O arqueólogo Emilio Ramil sitúa a construción entre os séculos I a.C. e II-III d.C. Dáse a circunstancia de que Emilio Ramil, xunto coa concelleira de Cultura de Cedeira, e arqueóloga de profesión, María Xosé Rodríguez Pérez, foron quen de localizar, hai agora 28 anos, outra pedra formosa que saíu á luz como resultado da escavación levada a cabo en Punta dos Prados, no municipio de Ortigueira, polo que ningún dos dous podía ocultar hoxe a súa ledicia. Rodríguez Pérez quixo agradecer á Xunta a súa colaboración económica, que “pon en valor o patrimonio cedeirés”, e ao equipo que está a levar a cabo a escavación “por traballar sen descanso”.

Rodríguez Pérez adiantou que o Concello dará continuidade a esta primeira intervención, que pecha mañá, coa consignación dunha partida específica nos orzamentos do próximo ano, ademais de xestionar outras posibles axudas. En canto á repercusión do achado, a concelleira apuntou tanto ao enriquecemento patrimonial do municipio, incluído o seu atractivo turístico, como á semellanza que existe entre o conxunto de Punta dos Prados e o agora localizado no Campo do Castro. Isto, segundo a concelleira, vén de confirmar o contacto que xa houbo hai séculos entre as persoas que habitaron, durante máis de 400 anos no caso do cedeirés, ambos os dous asentamentos.

Ramil, que chegou a recoñecer que “a min tocoume dúas veces a lotería”, explicou que o que agora existe na zona do Campo do Castro “é unha sauna de vapor adaptada ao mundo castrexo”. Destacou así mesmo o perfecto estado de conservación que teñen a maior parte das estruturas, aínda que co paso do tempo chegaron a desaparecer a maioría das loxas do pavimento da cámara e a “pedra formosa” que no seu día foi quen de dividir as dúas cámaras, ademais de impedir a saída de calor ao exterior. Os restos de dúas paredes de pedra, situadas a ambos os dous lados da cámara principal, chegarían a crear no seu día a bóveda baixo a que estarían as laxas froito da temperatura lograda a base de pedras e da auga quentada no forno, que aínda permanece oculto.

En todas as estancias escavadas tamén foron recuperados restos de cerámicas da época castrexa que aínda están pendentes de análise.

As localidades de Santa María de Augas Santas, Borneiro e A Fonsagrada acollen as pedras formosas que ata o de agora foron atopadas en Galicia. Delas tamén existe constancia tanto en Asturias como en Portugal. O seu nome responde aos adornos que levan tallados.

O equipo de Emilio Ramil nesta ocasión estivo integrado por catro arqueólogos máis -Víctor Tomás Botella, Anxo López Felpeto, José Ramón Martínez Casal e David Abella- e cinco auxiliares -Xoán Carneiro Herrero, Carlos Rodríguez López, Macarena Teijido Ferreiro, Mónica Legaspi e Sara Ramil Blanco, ademais de Alejandro Ramil Blanco, que levou a cabo o traballo audiovisual compilando imaxes obtidas por un dron.