Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA ACOLLERÁ ESTE VERÁN UNHA ÓPERA STUDIO, UN PROGRAMA TRAMPOLÍN PARA NOVOS TALENTOS DA LÍRICA

A vila de Cedeira vai acoller este verán a súa primeira Ópera Studio, unha proposta de perfeccionamento para cantantes líricos das que se organizan moi poucas en España. O programa, para o que está en marcha a selección dos cantantes e compoñentes do coro e orquestra, incluirá un curso do 25 de agosto ao 3 de setembro e a produción da ópera “Dido e Eneas, de Henry Purcell, que se representará na vila como remate da experiencia.

O proxecto xurdiu por iniciativa de Fran Pérez Piñón, Paula Bereijo López e Aida Lozano Beceiro, profesionais da música vencellados a Cedeira que viron a oportunidade de impulsar este tipo de programa, pouco frecuente pero moi importante para os novos talentos da lírica que queren dar o salto do mundo académico ao profesional. Grandes voces da ópera teñen atopado nunha Ópera Studio a primeira experiencia profesional e un trampolín para a súa carreira.

Segundo explicou Fran Pérez Piñón, o programa vai consistir na preparación e representación da ópera barroca “Dido e Eneas”. Está aberto xa o proceso de selección de candidatos e candidatas –a información e o formulario de inscrición poden atoparse na web https://cedeirart.wordpress.com/- para os diferentes roles da obra. Teñen que ser maiores de idade e inscribirse antes do 24 de xullo, enviando unha grabación en vídeo interpretando dúas arias barrocas, unha delas obrigatoriamente en inglés.

O impulsor da I Ópera Studio de Cedeira comentou que “Dido e Eneas”, como o resto das obras desa época, facilita a representación polo número de personaxes e a orquestra que precisa, non moi numerosa. Así, seleccionaranse nove persoas para interpretar a Dido, Eneas e o resto dos personaxes, así como tres sopranos, tres altos, tres tenores e tres barítonos/baixos para o coro. Tamén se buscan os trece instrumentistas da orquestra –violíns, violas, violonchelos, tiorba, fagot y clave-, que igualmente deberán enviar unha grabación en vídeo para a selección.

A Ópera Studio de Cedeira estará dirixida pola portuguesa Magna Ferreira, soprano, profesora de Canto, directora e compositora, que terá o apoio do actor Marcos Vieitez, a violinista Mariña García-Bouso e a clavecinista Marta López. A produción correrá a cargo de Fran Pérez, Aida Lozano, Paula Bereijo e a empresa DTK.

O programa non terá custe para o alumnado seleccionado, máis aló das viaxes e a manutención. O Concello de Cedeira destinou 4.000€ do seu orzamento a apoiar esta iniciativa, na que colabora procurando un aloxamento básico no polideportivo municipal para quen o precise, así como os espazos para o desenvolvemento do curso. Ademais, contratou a estrea da ópera para o 3 de setembro.