Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

O Concello amplía as berarrúas e instala un novo paso iluminado na Avenida da Area

O CONCELLO AMPLÍA AS BERARRÚAS E INSTALA UN NOVO PASO ILUMINADO NA AVENIDA DA AREA

O Concello de Cedeira ten na Asociación Sobre Rodas a mellor aliada para adaptar todas as beirarrúas da vila a persoas con mobilidade reducida, unha das prioridades do equipo de goberno.

Froito desa colaboración xurden as obras que se están a levar a cabo na avenida da Area, principal vía de saída do casco urbano en dirección a Ortigueira. O proxecto -executado pola empresa Construcciones Rúa Floreal SL e contratado por 6.025 euros (IVE incluído)- pasa pola creación dun novo paso de peóns iluminado e pola ampliación, ata os 90 m², da superficie en dous tramos das beirarrúas a fin de facilitar a mobilidade das persoas que van en cadeiras de rodas.

A instalación e posta en funcionamento do punto de iluminación, con tecnoloxía LED, correrá a cargo de persoal municipal de servizos, como xa o fixo con anterioridade nos pasos de peóns que están a funcionar na devandita avenida e tamén na de Castelao. Esta parte da obra suporá unha inversión de 1.500 euros, cantidade que tamén sairá das arcas municipais.

A intervención, que conta co informe favorable da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta, se está a realizar á altura do punto quilométrico 30+385 da estrada autonómica AC-566 e necesitou a demolición das beirarrúas existentes, e a instalación dun novo bordo e de baldosa hidráulica.

O Concello pon en marcha unha campaña de sensibilización por un consumo de auga eficiente

O CONCELLO PON EN MARCHA UNHA CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN POR UN CONSUMO DE AUGA EFICIENTE

A seca que está a afectar a Galicia leva ao goberno de Cedeira a iniciar unha campaña de sensibilización entre a veciñanza para advertir aos veciños de que tamén eles poden contribuír a evitar situacións como a que agora se está a dar. Nun pequeno folleto -que se distribuirá entre a poboación local nos próximos días- recóllense, de maneira gráfica, dez claros exemplos do que se pode facer para reducir o consumo de auga. Con accións tan comúns como poden ser pechar as billas, optar pola ducha, encher a carga da lavadora, non deixar aberta a porta da neveira ou instalar dispositivos de aforro en billas e duchas se consume auga de forma eficiente. O Concello tamén pide a colaboración dos veciños no sentido de que informen á empresa Viaqua -concesionaria do servizo de abastecemento de auga- cando vexan unha fonte que non para, unha rega de xardín estragada ou unha avaría na rede.

Novo éxito na xornada de limpeza celebrada o domingo no río Condomiñas

NOVO ÉXITO NA XORNADA DE LIMPEZA CELEBRADA O DOMINGO NO RÍO CONDOMIÑAS

Unha bicicleta infantil, unha minicadena musical, partes dun vello televisor, miles de farrapos e mesmo tamén nasas de pesca e redes son só unha pequena parte dos refugallos recuparados o domingo polos voluntarios que tomaron parte nunha nova xornada de limpieza no leito do río Condomiñas, a quinta que se celebra en pouco máis de tres meses.

O Concello de Cedeira e a Asociación de Amigos dos Ríos seguen a tratar de recuperar o estado natural dun río que durante anos sufriu as agresións daquelas persoas que o vían como un contedor máis no que facer desaparecer os obxectos que deixaban de ter utilidade. É a situación que o goberno municipal, e máis concretamente a Concellería de Medio Ambiente, pretende mudar coa convocatoria de xornadas como a que tivo lugar onte e na que tomaron parte dez persoas.

Tal e como se pode ver nas fotografías, entre os obxectos recuperados tamén hai cadeiras de plástico, mesas de mimbre e restos de obras, ladrillos, cemento, tubos e cables.