Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

TODO LISTO EN CEDEIRA PARA DESPACHAR ENTRE MAÑÁ E PASADO 500 KILOS DE PERCEBES E OUTRAS VIANDAS

A Confraría de Pescadores de Cedeira ultimaba esta mesma mañá a compra da materia prima da que, segundo o que sucedeu en anos anteriores, van dar conta mañá e pasado máis de dúas mil persoas na XX Festa do Percebe. As racións do produto estrela serviranse a 15€ (uns 300gr), e ao mesmo prezo serán as de polbo á feira. Tamén haberá empanada a 6€ -no prezo van dúas racións, unha da empanada de berberechos e outra da de liscos-. É o evento que encabeza o cartel dunha fin de semana na que a vila de Cedeira acolle multitude de actividades: as festas patronais de San Román, atraccións inchables ao pé da praia Area Longa, o festival Discalz@s, o Certame de Bandas de Música e dous eventos deportivos que tamén levarán centos de persoas ata Cedeira, a proba do Circuíto Nacional de Volei Praia e a Travesía a Nado.

A carga da Festa do Percebe estará na zona do porto, como é habitual, xunto coa billeteira na que se poderán comprar os tickets para a degustación. A ventanilla abrirá un pouco antes das doce do mediodía e as racións serviranse de xeito ininterrompido, o sábado e o domingo, desde as 12.00 ás 17.00h. Xunto coas racións nomeadas, haberá bebidas –a 2€ a caña de cerveza e os refrescos e a 13€ a botella de alvariño Valmiñor). A Confraría, que conta un ano máis co apoio do Concello para a celebración do evento, despachará 500 quilos de percebe e outros tantos de polbo, ata esgotar existencias.

Reforzando a oferta lúdica da fin de semana, o Concello de Cedeira ofrecerá na tarde do domingo, de catro a seis da tarde, varias atraccións hinchables acuáticas e terrestres na praia de Area Longa, xunto con kayaks, que poderá empregar o público de xeito gratuíto, por orde de chegada e segundo as instrucións dos monitores que estarán no areal.

A parroquia de San Román celebra tamén as súas festas patronais o sábado e o domingo. O primeiro día haberá sesión vermú a cargo do Trío Antha, partido de solteros contra casados ás 19.30h e verbena nocturna con Antha e a Orquestra Origen. O domingo celebrarase misa e procesión, seguidas dunha exhibición da Street Dance School. A sesión vermú contará co Trío Manhatan e a verbena final estará amenizada polo DJ residente da Sala Coliseo, Brunookavvi.

Este sábado chega tamén unha nova edición de Discalz@s polo Festival, un evento que gusta de ofrecer variedade de estilos e moi bo ambiente. O programa condénsase en dúas sesión, a vermú, que contará a partir das 12.45h con Pastelón de Ferreñas e Quinkillada, e a nocturna, na que se sucederán a partir das 22.00h os grupos InLogic, Fillas de Cassandra, Familia Caamagno e TanDuB. O festival será na praza do Floreal, con entrada gratuíta.
No mesmo lugar, a praza de Floreal, desenvolverase o domingo o XX Certame de Bandas de Música “Vila de Cedeira”, a partir das 18.30h. Actuarán, xunto coa formación anfitroa, as bandas de Visantoña (Santiso, A Coruña) e Lourenzá (Lugo).

No eido deportivo, dúas citas importantes. Por unha banda, desenvolverase desde o venres ata o domingo en xornadas de mañá e tarde, no areal da Madalena, unha proba de dúas estrelas do Circuíto Nacional de Volei Praia, puntuable para o campeonato nacional. Participarán na mesma as 24 mellores parellas femininas e outras tantas masculinas, procedentes de toda España, e as probas garantirán ao público un espectáculo deportivo de gran nivel. As finais serán o domingo pola tarde, a partir das catro e das cinco.

Por outra banda, este domingo a partir das 18.30h, máis de 150 nadadoras e nadadores de toda Galicia participarán na vixesimoquinta Travesía a Nado Ría de Cedeira. Haberá cinco categorías segundo a idade (promesas, benxamíns, alevíns, infantil e absoluta), que farán un percorrido entre 50 e 1500 metros. Nas categorías absolutas os premios serán económicos para as primeiras posicións, e trofeos e medallas nas outras categorías.

As inscricións están abertas ata o mesmo día da proba. Para anotarse é preciso chamar ou mandar Whatsapp ao 652 21 48 33 e cubrir un formulario. Participarán deportistas de gran relevancia na comarca, como Inés Santiago ou os locais, Damián Suárez, Samuel Sánchez ou Juan Piñón.

BABOSAS DE MAR NA PRAIA DA MADALENA

Esta mañá apareceron varados varios exemplares de babosas de mar, na praia da Madalena; probablemente debido ás fortes mareas destes días. Estes moluscos da familia Aplysia son unha especie común no fondo das rías galegas, especialmente onde hai rochas e algas; aínda que é pouco habitual avistalas. Pese á súa extraña apariencia trátase de animais totalmente inofensivos.

SUBVENCIÓN PARA CONTRATACIÓN DUN TÉCNICO DEPORTIVO NO CONCELLO DE CEDEIRA- 2023

Como xa ven sendo habitual ano tras ano, a área de Deportes do Concello de Cedeira dispón de Técnico Deportivo no Polideportivo Municipal contratado a través da adxudicación dun contrato á empresa Move Proyectos e Inversiones SL.

O Técnico Deportivo é a persoa encargada de funcións como: coordinación na programación, organización de actividades deportivas; así como a dinamización da actividade deportiva como a xestión de inscripcións, colaboración nas actividades organizadas polo concello (carreiras poulares, festivais..) Tamén realización da planificación deportiva anual ou outras labores administrativas no Polideportivo.

Dita contratación está financiada en parte coa subvención da Deputación da Coruña para contratación ou mantemento de persoal Técnico nos servizos municipais de deporte en 2023.