Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Aberto o prazo de matrícula na Escola de Música Vila de Cedeira

ABERTO O PRAZO DE MATRÍCULA NA ESCOLA DE MÚSICA VILA DE CEDEIRA

Desde o mércores 17 de outubro e ata o venres 20, estará aberto o prazo de matrícula na Escola de Música Vila de Cedeira.

A matrícula poderá formalizarse no 4º andar do Auditorio Municipal, no seguinte horario:

  • MÉRCORES 18 OUTUBRO: de 18.30 h a 20.00 h.
  • XOVES 19 OUTUBRO: de 18.30 h a 20.00 h.
  • VENRES 20 OUTUBRO: de 12.00 h a 13.00 h; e de 17.00 h a 18.30 h.

As especialidades con matrícula aberta son: Frauta traveseira, clarinete, saxofón, trompeta, trompa, trombón, bombardino, tuba, gaita, frauta de pico, piano, acordeón, percusión, guitarra, baixo eléctrico e canto.

As materias de grupo con matrícula tamén aberta son: Música e movemento, linguaxe musical, conxunto instrumental, harmonía, improvisación e pequecoro.

Máis información no correo electrónico escolaviladecedeira@gmail.com

A primeira planta do pavillón acolle unha aula multidisciplinar para impartir cursos, obradoiros e charlas

A PRIMEIRA PLANTA DO PAVILLÓN ACOLLE UNHA AULA MULTIDISCIPLINAR PARA IMPARTIR CURSOS, OBRADOIROS E CHARLAS

O Concello de Cedeira vén de lle poñer fin a carencia que existía de instalacións municipais para impartir cursos coa creación dunha aula multidisciplinar na primeira planta do polideportivo municipal, “o sitio ideal”, segundo o alcalde, Pablo Moreda Gil.

A instalación agora inaugurada está pensada para acoller cursos, charlas e obradoiros, como o que o Concello xa está a organizar para persoas maiores que desexen poñerse ao día con respecto ás novas tecnoloxías, unha iniciativa que moi posiblemente tamén se trasladará ás parroquias. Trátase dun curso de informática básica.

O alcalde recoñece que a obra realizada no pavillón responde á demanda existente no municipio e reitera a “carencia moi grande en canto a instalacións municipais que se encontren libres debido á grande cantidade de asociacións culturais e entidades deportivas que utilizan todo tipo de dependencias municipais para poder desenvolver con éxito as súas actividades”.

O Concello tratará agora de obter a máxima rendibilidade dunhas instalacións adecuadas para acoller todo tipo de programas formativos. A aula foi pensada para unhas quince persoas e está equipada cos recursos necesarios.

Cedeira esixe reforzos á área sanitaria para paliar carencias de persoal do centro de saúde

CEDEIRA ESIXE REFORZOS Á ÁREA SANITARIA PARA PALIAR CARENCIAS DE PERSOAL DO CENTRO DE SAÚDE

O Concello de Cedeira esixe á Área Sanitaria de Ferrolterra que adopte «canto antes» as medidas necesarias para corrixir as carencias de persoal sanitario detectadas no centro de saúde da localidade. O acordo adoptado no pleno por unanimidade tamén será trasladado ao Servizo Galego de Saúde. Os tres grupos que integran o goberno local, PSOE, BNG e Anova, presentaron unha moción conxunta, «ante a indignación da cidadanía pola carencia de persoal sanitario durante todo o ano e, nomeadamente, nos períodos vacacións», o que xera continuas queixas entre os veciños afectados. E os concelleiros do PP apoiaron a iniciativa.

Os promotores desta iniciativa explicaron que cando a pediatra se atopa de baixa ou de vacacións, o PAC de Cedeira comparte o profesional substituto co centro de Valdoviño, polo que só acode dous días á semana (recentemente foron tres), tres horas cada día. Si quen se ausenta é un facultativo, por descanso ou por baixa laboral, «non se cobre, incluso no verán, o Nadal ou a Semana Santa» e si son dous os médicos que se atopan nesta situación, só se repón unha das prazas.

Outro dos motivos de protesta radica na ausencia de persoal médico de reforzo durante o verán, «nin tan sequera en vésperas dos días grandes, como poden ser o 14 de agosto ou o día de Ano Vello, nos que a poboación se incrementa notablemente». Esta situación tradúcese, segundo recóllese na moción, «nunha mingua notable da calidade do servizo e nas conseguintes deficiencias na atención aos pacientes, que soportan esperas impropias dun país do mundo rico en pleno século XXI».

Este problema súmase ás complicacións xeradas polo mal estado da estrada AC-566, de Cedeira a Ferrol, no transporte de pacientes en ambulancia ata os centros hospitalarios. O alcalde, Pablo Moreda, expresou a súa satisfacción «polo apoio do PP en algo tan importante para o pobo» como a dotación de persoal do centro de saúde, e confía en que tamén apoie ao executivo á hora de reivindicar melloras no viario.

O PP tamén votou a favor da moción dos tres grupos que integran o executivo para que Cedeira se incorpore á Xunta prol Devolución do Pazo de Meirás, ademais de rexeitar que a Fundación Francisco Franco xestione as visitas (propoñen que o faga o Concello de Sada).

No pleno aprobouse, ademais, aplicar unha bonificación do 50 % na cota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) o primeiro ano, e un 25 % o segundo, para propietarios de vivendas que instalen paneis solares para o consumo de luz e auga quente. Tamén se estableceron os festivos locais de 2018, o 13 de xuño, día de San Antón, e o 26 de xullo, festividade de Santa Ana.

Fonte: La Voz de Galicia
Pode consultar a nova na seguinte ligazón:
IR Á LIGAZÓN Cedeira esixe reforzos á área sanitaria para paliar carencias de persoal do centro de saúde