Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Cedeira esixe reforzos á área sanitaria para paliar carencias de persoal do centro de saúde

CEDEIRA ESIXE REFORZOS Á ÁREA SANITARIA PARA PALIAR CARENCIAS DE PERSOAL DO CENTRO DE SAÚDE

O Concello de Cedeira esixe á Área Sanitaria de Ferrolterra que adopte «canto antes» as medidas necesarias para corrixir as carencias de persoal sanitario detectadas no centro de saúde da localidade. O acordo adoptado no pleno por unanimidade tamén será trasladado ao Servizo Galego de Saúde. Os tres grupos que integran o goberno local, PSOE, BNG e Anova, presentaron unha moción conxunta, «ante a indignación da cidadanía pola carencia de persoal sanitario durante todo o ano e, nomeadamente, nos períodos vacacións», o que xera continuas queixas entre os veciños afectados. E os concelleiros do PP apoiaron a iniciativa.

Os promotores desta iniciativa explicaron que cando a pediatra se atopa de baixa ou de vacacións, o PAC de Cedeira comparte o profesional substituto co centro de Valdoviño, polo que só acode dous días á semana (recentemente foron tres), tres horas cada día. Si quen se ausenta é un facultativo, por descanso ou por baixa laboral, «non se cobre, incluso no verán, o Nadal ou a Semana Santa» e si son dous os médicos que se atopan nesta situación, só se repón unha das prazas.

Outro dos motivos de protesta radica na ausencia de persoal médico de reforzo durante o verán, «nin tan sequera en vésperas dos días grandes, como poden ser o 14 de agosto ou o día de Ano Vello, nos que a poboación se incrementa notablemente». Esta situación tradúcese, segundo recóllese na moción, «nunha mingua notable da calidade do servizo e nas conseguintes deficiencias na atención aos pacientes, que soportan esperas impropias dun país do mundo rico en pleno século XXI».

Este problema súmase ás complicacións xeradas polo mal estado da estrada AC-566, de Cedeira a Ferrol, no transporte de pacientes en ambulancia ata os centros hospitalarios. O alcalde, Pablo Moreda, expresou a súa satisfacción «polo apoio do PP en algo tan importante para o pobo» como a dotación de persoal do centro de saúde, e confía en que tamén apoie ao executivo á hora de reivindicar melloras no viario.

O PP tamén votou a favor da moción dos tres grupos que integran o executivo para que Cedeira se incorpore á Xunta prol Devolución do Pazo de Meirás, ademais de rexeitar que a Fundación Francisco Franco xestione as visitas (propoñen que o faga o Concello de Sada).

No pleno aprobouse, ademais, aplicar unha bonificación do 50 % na cota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) o primeiro ano, e un 25 % o segundo, para propietarios de vivendas que instalen paneis solares para o consumo de luz e auga quente. Tamén se estableceron os festivos locais de 2018, o 13 de xuño, día de San Antón, e o 26 de xullo, festividade de Santa Ana.

Fonte: La Voz de Galicia
Pode consultar a nova na seguinte ligazón:
IR Á LIGAZÓN Cedeira esixe reforzos á área sanitaria para paliar carencias de persoal do centro de saúde

Os concellos de Ortegal estudan as medidas concretas que sirvan para impulsar o xeoparque

OS CONCELLOS DE ORTEGAL ESTUDAN AS MEDIDAS CONCRETAS QUE SIRVAN PARA IMPULSAR O XEOPARQUE

Os alcaldes de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Valdoviño e San Sadurniño reuníronse o pasado xoves na Casa do Concello deste último concello para abordar o proxecto do Xeoparque de Cabo Ortegal e, máis concretamente, a fórmula colaborativa que se encargará de poñer en marcha o plan director e iniciar a tramitación da candidatura.

A Deputación da Coruña mostrou o seu interese en implicarse economicamente no proxecto e, neste sentido, dentro duns días celebrarase un novo encontro entre cargos políticos dos sete Concellos promotores (tamén está Ortigueira) e do ente provincial coa asistencia de persoal técnico. A finalidade desta reunión será darlle o impulso definitivo ao proxecto co obxectivo de iniciar en xaneiro o proceso de recoñecemento ante o Comité Español de Xeoparques como paso previo á verificación por parte da Unesco.

Segundo comentaron os rexedores municipais á saída da reunión, case con total seguridade optarase a construír unha entidade integrada polos municipios e fiscalizada pola Deputación. Por outra banda, tamén se prevé sinalizar as zonas e rutas de maior interese, ademais de levar adiante intervencións que axuden a facer do proxecto o que é noutros lugares: un atractivo turístico para o público xeral e especializado, así como conformar un factor de dinamización socioeconómica das comunidades onde se asenta.

Por estes motivos, o que máis urxe nestes momentos é a disposición dun plan rector para iniciar a tramitación efectiva da candidatura en xaneiro do próximo ano. A parte de identificación técnica do valor xeolóxico xa está lista, tal e como indican, co traballo levado a cabo polo experto Francisco Canosa e a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal.

Fonte: Diario de Ferrol
Pode consultar a nova na seguinte ligazón:
IR Á LIGAZÓN Os concellos de Ortegal estudan as medidas concretas que sirvan para impulsar o xeoparque