Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Manifesto institucional

MANIFESTO INSTITUCIONAL

Bon día a todas e a todos!

E grazas por virdes conmemorar o día de Galicia, o día da nosa terra, a nosa terra mai, o Día da Matria Galega.

Como cada ano, este é un momento de reivindicación, pero tamén é un momento de encontro, un momento para compartir valores e darlles visibilidade. Hai tantos xeitos de sentir a galeguidade como habitantes ten o país. Cada quen ten a súa maneira, pero todas teñen algo en común: o amor pola nosa terra, pola nosa cultura, polo noso idioma.

Neste mundo globalizado en que vivimos temos a sorte de podérmonos achegar ás manifestacións culturais e artísiticas de pobos próximos e remotos. Isto supón unha posibilidade de enriquecemento que ata o de agora era descoñecida para a humanidade. Pero tamén supón unha enorme responsabilidade para nós.

Debemos ser fortes para non nos diluír no mare magnum da globalización. Debemos cultivar e conservar o noso patrimonio, material e inmaterial, non só para que outros pobos poidan achegarse a nós e coñecelo, senón tamén para deixármolo en herdanza ás nosas futuras xeracións.

Somos un pobo antigo, un pobo milenario, de bon talante e bon xantar, marcado pola beleza da nosa paisaxe e o peso da nosa historia. Por iso, coa forza da nosa lingua, desde este cantiño do mundo, queremos facer un chamamento á unidade. Para que o noso pobo viva mil primaveras máis, para que o noso pobo perdure sendo máis xusto, máis libre, máis solidario e máis galego.

Viva Cedeira!

Viva Galicia!

Moitas grazas.

Descarga do Manifiesto institucional

Concentración na Praza do Concello

CONCENTRACIÓN NA PRAZA DO CONCELLO

Hoxe ás 12 na Praza do Concello haberá unha concentración para manifestar a repulsa ante o asesinato por violencia de xénero dunha muller onte na Coruña.