Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

A exposición “Estilos II” de Diego Pérez e Vicente Rodríguez estará aberta ata o día 20 no Palacete

A EXPOSICIÓN “ESTILOS II”, DE DIEGO PÉREZ E VICENTE RODRÍGUEZ, ESTARÁ ABERTA ATA O DÍA 20 NO PALACETE

O Palacete de Cedeira acolle desde hoxe xoves e ata o día 20 deste mes a exposición de pintura “Estilos II”, da que son autores Diego Pérez Dopico e J. Vicente Rodríguez. A mostra estará abierta ao público de luns a venres de 9.00 a 14.30 e os sábados de 10.00 a 14. 00 horas. A exposición consta dun total de 20 obras.

Diego Pérez Dopico (James PeaK) quere transmitir a enerxía, creatividade e a idea de que todo se pode transformar en algo enxeñoso para resaltar o seu propio carácter. Presidente e fundador da asociación cultural Galioart online (Ortigueira) é autor de dous libros de lendas “Sétima Andaina” e “Muiñeira de Apolo”.

Amante da fotografía e a natureza, leva anos dedicándose ao estudo da mesma e a súa iniciativa para crear non ten límites. Ademais de gañar e participar nalgúns dos concursos de fotografía da xeografía galega é un dos impulsores do taller de fotografía que organiza a asociación Cultural Galioart durante o festival internacional do mundo celta. Pérez Dopico traballa actualmente no concello de Ortigueira como técnico de Cultura e no 2011 foi o gañador do concurso de carteis para o festival de Ortigueira.

A Deputación da Coruña avanza no deseño dos parques do Plan de Patrimonio

A DEPUTACIÓN DA CORUÑA AVANZA NO DESEÑO DOS PARQUES DO PLAN DE PATRIMONIO

A área de Turismo e Patrimonio da Deputación da Coruña inicia o novo ano con importantes pasos dados no deseño dos parques que compoñen o Plan de Patrimonio. O proxecto do Xeoparque de Ortegal en Ferrolterra, o Parque do Megalitismo na Costa da Morte, Compostela Rupestre nas Terras de Santiago e o Parque da Idade do Ferro nas rías de Arousa Norte e Muros Noia camiñan xa cara a consolidación como recursos turísticos de especial interese despois dun ano en que se sentaron as bases para a súa creación.

Os catro parques que forman parte do Plan de Patrimonio deron neste ano que agora remata importantes pasos de cara a súa consolidación, coa constitución de órganos de dirección que decidirán os pasos a dar de cara ao futuro e tamén do investimento de orzamentos, de maneira especial, a achega da propia Deputación da Coruña que destina 500.000 € a cada un dos proxectos deseñados arredor do patrimonio xeolóxico e arqueolóxico a través da cooperación intermunicipal.

Os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño están adheridos á comunidade intermunicipal que suma forzas para avanzar na consolidación do proxecto de Xeoparque de Ortegal, impulsado desde a Deputación da Coruña. Co horizonte no recoñecemento da UNESCO como xeoparque, neste ano constituíuse o consello de dirección que designou como primeiro presidente ao alcalde do Concello de Cerdido, Benigno Galego Castro, que asume un cargo con carácter rotatorio que comeza polo municipio de menos habitantes. O plan director, a contratación de asistencia técnica e o deseño da imaxe corporativa son os primeiros eixos de traballo do proxecto de xeoparque que afondou nesta primeira etapa nos contactos exteriores con distintas entidades de especial interese como o GeoParc de Catalunya Central ou o xeoparque da Costa Vasca. “Déronse interesantes pasos na consolidación dun proxecto que conta cunha especial unión dos concellos que camiñan na mesma dirección, algo de especial interese á hora de chegar ao obxectivo de obter a consideración de xeoparque.

Por outra parte, foi un ano intenso en contactos institucionais que consideramos que poden abrir camiños para o proxecto de Ortegal”, sinala o deputado de Plans, Patrimonio e Turismo, Xosé Regueira. Un parque con máis de 300 mámoas Cunha xuntanza celebrada no primeiro trimestre do ano na que participou o propio Xosé Regueira xunto cos alcaldes dos once concellos implicados anunciábase a creación dunha mancomunidade de da área patrimonial do Parque do Megalitismo na que a Deputación da Coruña investirá medio millón de euros para a execución dunha parte do Plan director. Os concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas participan do proxecto creador arredor da cultura neolítica que conta con máis de 300 mámoas, dolmens e outras construcións funerarias, que compoñen unha das mostras mellor conservadas e máis representativas da nova idade da pedra no territorio galego.O Parque do Megalitismo pecha o ano co Comité de Dirección constituído e presidido polo alcalde de de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro, segundo se decidiu na xuntanza celebrada no Dolmen de Dombate, monumento de referencia da riqueza patrimonial do parque (…).

Fonte: Deputación da Coruña

Pode consultarse a nova completa na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN A Deputación da Coruña avanza no deseño dos parques do Plan de Patrimonio

Cedeira pide á Xunta Xeral de Biscaia un fillo da árbore de Gernika para “ser plantado nun lugar preeminente”

CEDEIRA PIDE Á XUNTA XERAL DE BISCAIA UN FILLO DA ÁRBORE DE GERNIKA PARA “SER PLANTADO NUN LUGAR PREEMINENTE”

O pleno de Cedeira aprobou por unanimidade unha iniciativa do equipo de goberno, a instancia da Asociación Memoria Histórica Democrática de Ferrol, pola que se solicita da Batzar Nagusiak (Xuntas Xerais) de Biscaia a doazón dun fillo da Árbore de Gernika “para ser plantado nun lugar preeminente e coa solemnidade que este carballo centenario merece”.

Tres son as razóns nas que a corporación xustifica a petición. Xunto co simbolismo que encerra a devandita árbore e a necesidade de reforzar a irmandade entre as comunidades vascas e galega, desde o equipo de goberno cualifícase de “especialmente dramática” a represión franquista que afectou de maneira máis directa a preto de 100 persoas que foron paseadas, fusiladas, desaparecidas ou encarceradas e recórdase que tanto o último alcalde republicano de Cedeira, Manuel Fernández, como toda a súa corporación foron fusilados no castelo de San Felipe o día 18 de decembro de 1936.

Nos argumentos recollidos no texto da moción tamén se menciona o campo de concentración no que entre os anos 1936 a 1939 estiveron recluídas máis de 200 persoas, principalmente procedentes de Asturias, e en cuxo emprazamento, desde o ano 2000, existe un monumento de pedra en recordo das vítimas, que acolle regularmente actos conmemorativos que rematan cunha ofrenda floral. A celebración dos mesmos tamén responden á colaboración que desde o ano 2010 veñen mantendo a Asociación Memoria Histórica Democrática e o Concello de Cedeira para “avanzar no obxectivo de procurar a verdade, a xustiza e a reparación para mulleres e homes que pagaron coa súa vida ou coa súa liberdade a defensa dos ideais de democracia, liberdade e igualdade cando estes estaban en perigo”.