Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Cedeira repartirá mañá 200 libros con motivo da celebración do 23 de abril

CEDEIRA REPARTIRÁ MAÑÁ 200 LIBROS CON MOTIVO DA CELEBRACIÓN DO 23 DE ABRIL

Con motivo da celebración mañá martes do Día do Libro, o Concello de Cedeira repartirá un total de 200 títulos entre os veciños e veciñas que así o desexen.

Esta iniciativa forma parte do programa “Libros para sermos libres” que, promovida pola Deputación da Coruña, se levará a cabo de forma simultánea en 29 concellos da provincia.

No caso de Cedeira, os libros estarán dispoñibles na biblioteca municipal en horario de 9.00 a 14.30 e de 17.00 a 20.00 horas. A participación é gratuíta e haberá bibliografía dirixida tanto ao público infantil como adulto e mesmo xuvenil.

Desde o goberno municipal anímase á veciñanza a participar nunha iniciativa de custe cero e coa que se busca fomentar e consolidar o hábito da lectura. O libro axuda ao desenrolo persoal, estimula a imaxinación e incrementa a capacidade de reflexión, comprensión e crítica.

Cedeira asina un convenio coa Deputación para cofinanciar o centro interpretativo do Sarridal

CEDEIRA ASINA UN CONVENIO COA DEPUTACIÓN PARA COFINANCIAR O CENTRO INTERPRETATIVO DO SARRIDAL

O goberno de Cedeira vén de asinar un convenio coa Deputación da Coruña polo que esta se compromete a financiar o 80% do proxecto que converterá o castelo da Concepción no centro interpretativo do xacemento de punta Sarridal. O acordo foi asinado esta semana polo alcalde, Pablo Moreda Gil, e polo deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Manuel Soto Vivero, e no seu texto recóllese que a axuda provincial ascenderá a 31.638 euros e o gasto total previsto polo Concello superará os 39.500 euros. O convenio estará vixente ata outubro do 2020.

Con cargo a eses case 40.000 euros, o executivo local proxecta a renovación do conxunto da instalación eléctrica, o cambio de luminarias, a colocación de luces de emerxencia e de tomas de luz para as audioguías, así como a instalación dun mostrador para recibir aos visitantes e dun total de nove vitrinas nas que poder expoñer a riqueza arqueolóxica recuperada nas escavacións levadas a cabo na zona de Sarridal. O luns precisamente dará comezo unha nova campaña. Será a número cinco. A área expositiva completarase cun sofá e unhas mesas e asentos pensados para que os máis pequenos tamén poidan descubrir o mundo da arqueoloxía a través dos seus propios debuxos.

A finalidade do proxecto, tal e como consta no convenio, é achegar a historia local a todo o público en xeral e incrementar, no caso do castelo, o atractivo que xa ten de por si poñendo o lugar da exposición en relación directa coa localizada nas inmediacións.

O equipo de goberno de Cedeira valora o acordo, por canto contribuirá á posta en valor do patrimonio arqueolóxico local e mesmo da fortaleza defensiva. Pola súa banda, a Deputación destaca o interese público, social e económico do proxecto a desenvolver.

Apertura do Castelo da Concepción

APERTURA DO CASTELO DA CONCEPCIÓN

A partir de hoxe xoves e ata o próximo domingo estará aberto ao público o Castelo da Concepción de Cedeira. As persoas que desexen visitalo poden facelo en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. A visita é gratuita.