Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

A asociación amas de casa de Cedeira apraza a entrega do premio Muller da Vila “por responsabilidade”

“Por responsabilidade como asociación”, a xunta directiva das Amas de Casa de Cedeira acaba de tomar o acordo de aplazar “sine die” a celebración da comida na que Guadi Galego ía recibir o premio de “Muller da Vila 2020”, prevista para o próximo domingo.

Desde a entidade laméntase a cancelación do acto, ao tempo que se considera necesaria pola situación de execepcionalidade que se está a vivir. Apúntase que, polo momento, non se baralla ninguha data alternativa e confíase en que o encontro poida levarse a cabo ou máis axiña posible, “porque sería un bo sinal” .

A Praza Roxa acolleu onte unha actividade escolar da campaña municipal sobre o uso da rede de pluviais

O alumnado do CEIP Nicolás del Río saíu onte á rúa para informar á veciñanza de que “A ría de Cedeira comeza no sumidoiro”. A actividade, organizada polo Concello de Cedeira en colaboración co equipo docente do centro escolar, forma parte da campaña informativa pública sobre o peso que ten para a calidade ambiental da ría un uso responsable da rede de sumidoiros.

Os rapaces e rapazas sinalizaron os sumidoiros da praza Roxa co lema “A ría comeza aquí”, advertindo a transeúntes de que no caso de tirar lixo, cabichas ou baleirar auga sucia na rede de pluviais, estes restos acabarían directamente na desembocadura do río Condomiñas e mesmo na ría da localidade. Ademais, os pequenos educadores ambientais recordaron nos seus debuxos que hai que facer uso das papeleiras e dos colectores para reciclar cada tipo de residuo. A acción completouse co reparto de folletos e a colocación de carteles informativos contando coa colaboración dos establecementos situados na devandita praza.

Con esta campaña de educación ambiental o Concello de Cedeira pretende sensibilizar a veciñanza sobre a importancia de cambiar xestos habituais que teñen impacto sobre o medio ambiente e a necesidade de adoptar novas condutas que axuden a conservar o noso entorno.

A Deputación e Cedeira invisten 100.000 euros para dotar de saneamento ao núcleo das Pontigas

A Deputación e o Concello de Cedeira investirán 100.000 euros nas obras de construción da nova rede de saneamento que dará servizo ao núcleo das Pontigas e beneficiará a 120 veciños e veciñas da zona.

As obras, que veñen de saír a licitación pública, serán cofinanciadas nun 75% a través do Plan único da Deputación, que achega 75.383 euros, nun 25% polo Concello de Cedeira, con 24.616 euros de fondos propios.

Os traballos implantarán un sistema de saneamento autónomo, sen consumo de enerxía de ningún tipo e cun mantemento moi reducido no lugar das Pontigas, na saída do núcleo urbano cedeirés cara Santo André de Teixido.

O saneamento estará baseado nun sistema de fitodepuración en balsa húmida e pretende mellorar a calidade ambiental do municipio ao evitar residuos ou rebordamentos accidentais das fosas sépticas individuais coas que contan os veciños na actualidade, recollendo todas as augas residuais a través dun único colector que rematará nunha balsa de depuración.

O colector percorerrá dende a parte alta do lugar das Pontigas ata unha parcela próxima ao rego homónimo, onde se construirá o sistema de depuración. A traza do colector terá 800 metros de lonxitude e contará ao longo do seu percorrido con 21 pozos de rexistro, rematando nunha balsa de fitodepuración que completará o proceso depurativo.

Fonte: Deputación da Coruña

IR Á LIGAZÓN A Deputación e Cedeira invisten 100.000 euros para dotar de saneamento ao núcleo das Pontigas