Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

CEDEIRA AMPLÍA ESTE VERÁN O PROGRAMA DE SENDEIRISMO: SEIS ITINERARIOS E 36 SAÍDAS DE BALDE DE XUÑO A SETEMBRO

O Concello de Cedeira pon en marcha un ano máis un programa de rutas guiadas de sendeirismo para o verán. A proposta artéllase, a través da empresa de turismo activo Portal Norte, con seis itinerarios diferentes e un calendario de 36 saídas desde mediados de xuño ata mediados de setembro. Son percorridos de entre catro e seis horas, de dificultade baixa ou media na súa maioría, orientadas á descuberta do extraordinario patrimonio natural de Cedeira e os seus valores culturais e etnográficos da man de guías locais con gran coñecemento e experiencia neste tipo de actividade. A inscrición, que se realizará na Oficina de Turismo, é gratuíta.

As rutas propostas, que eran tres o ano pasado, duplícanse desta volta nunha aposta do Concello por potenciar o turismo activo, sostible e respectuoso co medio ambiente. Todas elas terán un máximo de 15 participantes agás a dos Peiraos, na que o límite serán 7 persoas, e todas teñen unha duración de entre tres e catro horas, estimadas a un ritmo máis ben lento, agás a dos Peiraos que é un pouco máis longa. Son as seguintes (as datas poderán modificarse por mor da meteoroloxía):

-Circular Robaleira: dificultade baixa/media e percorrido de 8 quilómetros, cun desnivel acumulado de 400 metros aproximadamente. A ruta comeza ás 10.00h na Oficina de Turismo e vai polo sendeiro que leva desde as vellas fábricas de San Isidro ao Faro de Robaleira. Nesta zona, o grupo pode ver a antigua cetaria e a cala Mi Señora, así como gozar coas fermosas vistas da. O regreso realízase polo camiño que leva da cala Burbullas ao Barral. Días 17 e 29 de xuño, 24 de xullo, 5 e 24 de agosto e 4 de setembro.

Altos de Santo André: dificultade baixa/media e percorrido de 7,5 quilómetros, cun desnivel acumulado de 600 metros. O punto de encontro é o mirador dos Carrís, ás 10.00h, e a andaina remata no mesmo punto de partida. É unha ruta circular pola serra da Capelada na que o grupo pode gozar das incribles vistas desde os acantilados de Teixido e a garita de Herbeira, asomándose ao mar das rías de Cedeira e Ortigueira. Días 26 de xuño, 8, 20 e 31 de xullo, 19 e 31 de agosto e 14 de setembro.

-Circular Garita de Herbeira: dificultade baixa/media e 8 quilómetros, cun desnivel de 500 metros. A saída é desde a garita de Herbeira ás 10.00h e o regreso ao mesmo sitio. O percorrido descende pola beira do cantíl máis alto da Europa continental, cunhas vistas extraordinarias dos acantilados, a serra da Capelada e a ría de Ortigueira. Días 19 de xuño, 1 e 13 de xullo, 7 e 26 de agosto e 7 de setembro.

-Circular Río Condomiñas: dificultade baixa e 8 quilómetros, cun destivel de 200 metros. A saída e o final da camiñada será o parque “dos patos” no casco urbano de Cedeira, desde o que se segue o curso do río Condomiñas ata os muíños de Malde. Desde alí o regreso ao pobo é por pistas de asfalto, subindo ata a Ribeira e baixando por Fernando Lago para desfrutar do casco antigo. A ruta comeza ás 10.00h. Días 22 de xuño, 3 e 15 de xullo, 28 de agosto e 9 de setembro.

-Circular Punta Sarridal/A Meda: dificultade baixa/media e 8 quilómetros, cun desnivel acumulado de 900 metros e con algunhas pendentes pronunciadas que requiren dun mínimo de forma física. A ruta comeza no aparcadoiro do Castelo da Concepción ás 10.00h e vai polo Sarridal, pasando pola capela de San Antón ata a punta da Meda, seguindo a xa coñecida como ruta dos Peiraos. O percorrido volve ata o inicio por un dos sendeiros máis espectaculares de Cedeira, pasando pola Cruz do Mudo, as Blancas, o Castro Sarridal e As Sonreiras. Días 24 de xuño, 6, 17 e 29 de xullo, 10 de agosto e 11 de setembro.

Ruta dos Peiraos: e a ruta máis longas das propostas, con 15 quilómetros de percorrido, dificultade media/alta e un desnivel acumulado de 1.200 metros. O itinerario comeza ás 09.00h no porto de Cedeira e chega ata o santuario de Santo André de Teixido. Días 15 de xuño, 10 e 22 de xullo, 3 e 21 de agosto e 2 de setembro.

CEDEIRA PROSEGUE CO SEU PLAN DE RECUPERACIÓN DE LAVADOIROS COAS OBRAS DOS DA PENELA E DO PENEIRO

O Concello de Cedeira vai acometer, en parte con cargo ás axudas para a corrección de impactos paisaxísticos da Xunta de Galicia, a rehabilitación dos lavadoiros da Penela e do Peneiro. Os traballos teñen un orzamento de 33.834,64€ (IVE incluído) e a subvención concedida é de 20.000€. Con esta intervención dará un novo paso adiante o programa de recuperación destes elementos singulares da arquitectura popular no municipio, que nos últimos anos xa rescatou do abandono as fontes da Barca, das Saíñas, Fernando Lago, do Areal, de Vilar e de Vila do Río.
Neste caso trátase de rehabilitar e acondicionar o lavadoiro de Penela, no lugar de Muruxás (San Xulián de Montoxo), e a fonte e lavadoiro do Peneiro, no Beco (San Cosme de Piñeiro). Ambas as dúas estruturas son de formigón e están moi deterioradas, con fendas que mesmo ameazan a súa seguridade estrutural e que cómpre corrixir.
Os traballos, nos dous casos, van consistir na limpeza da vexetación e os paramentos, pavimentos e os propios lavadoiros, que presentan fendeduras e outros desperfectos. O lavadoiro do Peneiro ten un teito de placas de fibrocemento, que se vai cubrir con tella do país, mentres que o do Peneiro ten un tellado de formigón e lousa moi deteriorado que vai ser preciso picar para ver o estado da armadura e ben sustituila ou ben reparala. A obra incluirá tamén nas dúas fontes o cambio dos caños e a renovación dos morteiros, así como a colocación dun chapado de pedras irregulares do país no chan e parte dos paramentos verticais do seu interior.
O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, subliña a importancia que ten coidar e conservar os lavadoiros, espazos de convivencia para moitas xeracións de veciños e veciñas de Cedeira e que, nalgúns casos como é o da Penela, seguen a ter na actualidade moita importancia na vida da parroquia das parroquias. O rexedor explicou que son actuacións custosas e que o Concello vai afrontando na medida das súas posibilidades, pouco a pouco, polo que pediu paciencia á veciñanza.

O XEOPARQUE CABO ORTEGAL CONMEMORA O SEU PRIMEIRO ANIVERSARIO CON ACTIVIDADES GRATUÍTAS ABERTAS AO PÚBLICO XERAL

O Xeoparque Cabo Ortegal, recoñecido pola UNESCO como Xeoparque Mundial, celebra neste mes de maio o seu primeiro aniversario. Por este motivo especial, e coincidindo coa Semana dos Xeoparques Europeos, organízase unha completa axenda de actividades divulgativas abertas ao público xeral.

Entre esta oferta de actividades destacan as visitas guiadas gratuítas nas que, en grupos reducidos, poderán explorarse distintos aspectos do Xeoparque. Unhas saídas que resultan axeitadas tanto para as persoas entusiastas da xeoloxía, como tamén para familias que procuran unha actividade educativa á vez que divertida.

Visitas guiadas

Nas fins de semana do 18 e 19 e do 25 e 26 de maio, realizaranse unha serie de visitas guiadas que permitirán coñecer o Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas e o Museo Mares de Cedeira, así como achegarse á ornitoloxía, á cultura mariñeira e as XeoRutas da costa e do interior.

  • Visita guiada ao Castelo de Moeche: realizaranse dúas visitas guiadas ao Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas, no Castelo de Moeche. A primeira será o 18 de maio, ás 11.30h, e a segunda o 19 de maio ás 17.00h.
  • Visita guiada ao Museo Mares de Cedeira: poderase realizar o 18 de maio ás 16.00h e o 19 de maio ás 11.00h.
  • Ruta de aves e nutrias. Trátase dunha ruta con desprazamentos en coches até 4 ou 5 puntos de observación para ver aves acuáticas. O percorrido rematará cun pequeno roteiro de 3 quilómetros, buscando a ruta da nutria e outro tipo de mustélidos. Será o 25 de maio entre ás 10h, cunha duración de 3 horas.
  • Ruta dos peiraos de Cariño. Nun percorrido de 10 quilómetros, nesta ruta de dificultade media – baixa que parte do Peirao de Cariño pasarase por diferentes peiraos, regresando polo monte contando como fío condutor a cultura mariñeira. Será o 25 de maio de 16 a 20h.
  • XeoRuta de interior. Guiada por Fran Canosa, nesta ruta visitarase a Serra do Forgoselo, as Canteiras de Toelo en Moeche e as Minas de Cobre en Cerdido, desprazándose en autocar (incluído). Terá lugar o 25 de maio entre as 16 e as 20.30h
  • XeoRuta da costa. Guiada por Fran Canosa, esta ruta visita os Cantís da Capelada, Cabo Ortegal e a Costa de Espasante. Inclúe autocar e será o 26 de maio entre as 9.30 e as 14.30 h.

Para participar nestas visitas e roteiros guiados é preciso inscribirse previamente a través da web https://xeoparquecaboortegal.gal/

Charlas divulgativas do Comité Científico

A programación conmemorativa do primeiro aniversario do recoñecemento da UNESCO ao Xeoparque Cabo Ortegal inclúe tamén a celebración de dúas charlas divulgativas online, nas que participarán diferentes membros do Comité Científico do Xeoparque.

O especialista en xeomorfoloxía e membro do Departamento de edafoloxía e química agrícola da USC, Augusto Pérez Alberti, ofrecerá unha conferencia sobre “O patrimonio glaciar do Xeoparque Cabo Ortegal” o día 22 de maio ás 19h.

Pola súa banda, o biólogo da Sociedade Galega de Historia Natural, Xan Rodríguez Silvar, falará dos “Outros valores ambientais da Capelada” nun conferencia que terá lugar o día 23 ás 19h.

Ambas as dúas poderanse seguir en directo desde as redes sociais do Xeoparque Cabo Ortegal, sen necesidade de inscrición previa.

Obradoiros nos Centros Educativos

Varios centros escolares do territorio participarán tamén da Semana dos Xeoparques Europeos coa organización de obradoiros en aula sobre minerais, impartidos polo xeólogo Francisco Canosa. Neles o alumnado poderá achegarse a coñecer a xeoloxía da súa contorna, dunha forma didáctica e práctica.

Acto central

O acto central deste calendario de actividades conmemorativas do primeiro aniversario do Xeoparque Cabo Ortegal terá lugar na Casa da Cultura do Concello de Valdoviño, o venres 24 de maio ás 17.00h.

Tras a benvida e as intervencións institucionais, realizaranse dúas presentacións (“Un ano como Xeoparque Mundial da UNESCO” e “Unha viaxe ao Interior da Terra”, por Ricardo Arenas, membro do Comité Científico). A continuación intervirán as representantes do Foro Español Geoparques e European Geoparks Network, e se fará o recoñecemento ás Entidades Amiga Xeoparque Cabo Ortegal. Este acto está aberto a todo o público ate completar aforo. Poderá seguirse tamén de forma online a través das redes sociais do Xeoparque.

Colaboración da Deputación da Coruña

O proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal está impulsado polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, e conta tamén co apoio da Deputación da Coruña, entidade que financia as actividades conmemorativas deste primeiro aniversario.