Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA A SUBMINISTRACIÓN DUN PUNTO LIMPO ITINERANTE PARA A RECOLLIDA DE RESIDUOS

O Concello de Cedeira acaba de publicar o expediente de contratación da subministración dun punto limpo móvil para a xestión de residuos, un equipamento que ten un orzamento de partida de 25.410€ (IVE incluído) e que será financiado en gran parte cunha axuda de 19.350€ tramitada diante da Consellería de Medio Ambiente. A administración local dotarase, a través deste procedemento, dun remolque que se poderá acoplar a algún dos vehículos de titularidade municipal, no que irá instalado o punto limpo, con bocas laterais polas que a veciñanza poderá depositar os diferentes residuos.

O obxectivo do Concello de Cedeira é seguir avanzando na mellora da recollida separada dos residuos. Xa existe un punto limpo no polígono da Xunqueira, ao que se poden levar enseres os mércores de 16.00 a 20.00 e os sábados de 10.00 a 14.00h, porén este novo servizo será itinerante e facilitará o depósito á veciñanza das diferentes parroquias. Unha vez que estea en funcionamento, o Concello anunciará cando e donde estará estacionado o remolque, que especialmente habilitado para recoller restos de pintura ou disolventes, tubos fluorescentes e outros residuos con mercurio, baterías e acumuladores, equipos eléctricos e outros materiais, a través das 14 bocas situadas nos seus laterais.

Cómpre recordar que tamén dispón Cedeira de recollida separada de envases lixeiros, papel-cartón e vidro, así como dun servizo de recollidas periódicas de residuos voluminosos porta a porta e colectores de roupa e de aceite de cociña usado. Desde a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Cedeira destacan que este é un novo equipamento que representa un chanzo máis na loita contra o depósito incontrolado de lixo nos espazos naturais do municipio e recordan que todos e todas temos que tomar conciencia da importancia de coidar a natureza, entre outras cousas a través do depósito dos refugallos no lugar que corresponde.

O concurso para a compra deste novo equipamento convocase polo procedemento aberto simplificado e as empresas interesadas teñen ata o 7 de xuño para a presentación de ofertas. O expediente de licitación está publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público.

PROXECTO: MELLORA DE FIRME NOS CAMIÑOS EN A LABOREÑA, CARTAS E O PENEIRO

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) ven de conceder ao Concello de Cedeira unha axuda por importe de 58.175 € dentro do Plan de Mellora de camiños rurais 2023-2024, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia para o proxeto “Mellora de firme nos camiños en A Laboreña, Cartas e O Peneiro”.

DÍA MUNDIAL DA RECICLAXE

O 17 de maio foi a data establecida pola UNESCO no 2005, co obxectivo de sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da correcta xestión dos residuos para a protección do medio ambiente.

A reciclaxe é un proceso a través do cal os materiais que se considerarían como refugallo se someten a tratamentos que permiten o seu uso en novos ciclos de produción ou de consumo. Este proceso contribúe á conservación de recursos naturais e minimiza o volume de residuos que rematarían en vertedoiros, reducindo así a contaminación e o impacto ambiental.

Os materiais máis habituais que se poden reciclar son: papel, cartón, envases, vidro, aceites domésticos, téxtiles

Desde o concello queremos aproveitar, a efeméride do día, para invitarvos a reflexionar sobre os hábitos de consumo e facer unha chamada de atención a todos e cada un de nós, xa que para que esta reciclaxe se poida levar a cabo é imprescindible que faigamos una correcta separación dos materiais antes enumerados, depositando cada un no seu contedor asignado.