Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

“RILLA-RILLA”, UNHA OBRA AO REDOR DA NOSA LINGUA PARA O PÚBLICO FAMILIAR

O público familiar é o destinatario da peza teatral “Rilla-rilla” que a compañía Xarope Tulú vai representar este sábado, ás 19.00horas, no Auditorio Municipal de Cedeira. O espectáculo xira ao redor da nosa lingua e a súa variedade dialectal e pon o foco na idiosincrasia propia do idioma á que poucas veces prestamos atención.

“Rilla-rilla” é unha obra dinámica na que se apañan palabras coma se fosen berberechos, se viaxa polo seseo e os rotacismos e na que o público pasa a ser protagonista desde o primeiro momento. A peza de Xarope Tulú está dirixida e interpretada por Atenea García, fundadora desta compañía comprometida coas linguaxes escénicas dirixidas á infancia e á mocidade.

As entradas terán un prezo de 2,5€.

TANXUGUEIRAS PECHARÁ AS FESTAS DE CEDEIRA ESTE VERÁN, CUN CONCERTO NA PRAZA ROXA O DÍA 17 DE AGOSTO

Tanxugueiras, as pandereteiras que conquistaron ao público no certame para a selección previa a Eurovisión e o grupo revelación da música tradicional galega, estarán nas Festas de Cedeira deste verán. Actuarán na vila na noite do 17 de agosto, ás 23.00h, na Praza Roxa. O concerto será gratuíto.

Tanxugueiras porá o broche de ouro ás festas de verán de Cedeira, no día no que se vai desenvolver a tradicional Xira. Tamén vén de anunciarse que o cartel de festas comezará o día 11 de agosto cun concerto de jazz a cargo de David Regueiro Trío e Alexandre Cavaliere, encadrado nunha nova edición do exitoso Festival Jazz de Ría.

Despois de dous anos condicionados pola pandemia, o Concello de Cedeira está a traballar para ofrecer un programa moi completo e variado. A fonda tradición musical da vila terase en conta e os grupos locais poderán ter o seu espazo no Festival Discaz@s. Os interesados poden inscribirse a través do formulario que está dispoñible na páxina web do Concello.

OBRADOIROS DE SENSIBILIZACIÓN CON ESCOLARES

Alumnado do CEIP Nicolás del Río recibiron información de primeira man na praia de Vilarrube a través de Pilar e Madalena, mariscadoras con gran experiencia. Alí aprenderon como se extraen os bivalvos, como se miden e como se comercializan a través da Confraría de Pescadores de Cedeira.
Tamén sufriron algún percance, pois as botas ás veces fan baleiro no banco marisqueiro e resulta fácil perder o equilibro! Nada que non solucione a roupa seca, o agarimo do grupo e o bo facer das nosas anfitrionas.
Cedeira Mar pretende dignificar e valorizar os distintos oficios do mar. Nesta xornada tivemos visita na praia de Vilarrube de “La Sexta Noticias”, a quen agradecemos o seu especial interese nesta actividade e que emitirán a súa reportaxe.