Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

COMPRA E INSTALACIÓN DE DÚAS ESTUFAS PARA O CENTRO DE OCIO

O Concello de Cedeira ven de adquirir dúas estufas de pellets para o Centro de ocio que xa foron colocadas. Dita adquisición foi posible grazas á subvención concedida pola Xunta de Galicia e a Unión europea ao abeiro da Resolución do 19 de xuño de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para proxectos de enerxías renovables térmicas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e co apoio financeiro do Inega.

AS MARISCADORAS DE CEDEIRA RETIRAN LIXO DAS PRAIAS NO MARCO DO PROGRAMA “MAR LIMPO”

A Agrupación de Mariscadoras de Cedeira participa por segundo ano consecutivo no programa “Mar Limpo” cuxo obxectivo é retirar basura do mar e sensibilizar á sociedade sobre os nocivos efectos da contaminación do medio mariño. Desde o Concello, o alcalde Pablo Diego Moreda Gil quixo agradecer a iniciativa destas mulleres e subliñou que “son un exemplo para a cidadanía”.

O proxecto que levan adiante as 18 mariscadoras da Confraría cedeiresa abrangue 16 xornadas de limpeza nas zonas dos bancos marisqueiros das praias da Magdalena, Esteiro e Pantín, conforme un calendario que se vai prolongar ata o mes de outubro. Ademais de ir aos areais para retirar lixo, o proxecto incluirá a celebración dunhas charlas no colexio Nicolás del Río e o IES Punta Candieira, nas que se explicará, entre outras cousas, como é o traballo de extracción de marisco e os factores que inciden na produción dos bancos, poñendo énfase nas nefastas consecuencias da contaminación e nas fórmulas coas que todos e todas podemos contribuír ao coidado do medio mariño.

A de Cedeira foi unha das poucas confrarías galegas que se sumaron ao programa Mar Limpo xa na súa primeira edición. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Consellería do Mar e financiada a través do Fondo Europeo Marítimo de Pesca, na que as traballadoras reciben por cada xornada de limpeza unha cantidade equivalente ao que percibirían por unha de traballo, calculada coa media dos ingresos anuais.

O CONCELLO DE CEDEIRA CONTRATA O 100% DO SUMINISTRO ELÉCTRICO NAS SÚAS INSTALACIÓNS DE FONTES RENOVABLES

O pleno da corporación cedeiresa aprobou na súa última sesión contratar a totalidade do suministro das instalacións municipais de alta e baixa tensión de enerxías verdes. Segundo recordou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, con anterioridade o goberno local xa apostara polas renovables para alimentar os edificios municipais, pero agora a decisión exténdese á totalidade da factura eléctrica do Concello, na consideración de que “as administracións públicas deben de ser as primeiras que aposten polo consumo deste tipo de enerxías limpas”.

Así, o Concello de Cedeira dá un paso máis na súa política a prol do coidado do medio ambiente e na loita contra o cambio cllimático, que xa deixou patente na sinatura do Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía. No marco de dito pacto está en marcha un plan de acción para reducir as emisións contaminantes nun 40% para o ano 2030 e este contrato contribuirá a facelo posible.

A contratación faise a través do acordo de suministración que mantén a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) con varias eléctricas, dado que a administración local tramitara xa a comezos do ano 2020 a súa adhesión á central de contratación desta organización.

Moreda Gil defendeu na sesión plenaria a importancia de apostar por enerxías renovables para frear o cambio climático e aludiu aos efectos que este proceso ten no propio municipio, concretamente na degradación da praia da Madalena. O alcalde subliñou que as renovables permiten reducir a dependencia das enerxías fósiles como o carbón ou o petróleo. Segundo explicou, mentres que a eólica produce 21 gramos de CO2 por KWh, o carbón produce 1.000.

Entre outras cousas, o rexedor cedeirés recordou que a enerxía renovable é inesgotable e fomenta a sostenibilidade, fainos menos dependentes do exterior, xera novos empregos e abarata os custos da electricidade.