Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DEPORTES

A III Bandeira Concello de Cedeira de Traiñeiras será o domingo e repartirá 5.000 euros en premios

A III BANDEIRA CONCELLO DE CEDEIRA DE TRAIÑEIRAS SERÁ O DOMINGO E REPARTIRÁ 5.000 EUROS EN PREMIOS

O Concello de Cedeira organiza para o próximo domingo a III Bandeira Concello de Cedeira de Traiñeiras, para a que conta coa colaboración do club de Remo da localidade.

Na competición, que dará comezo ás once da mañá, tomarán parte un total de nove clubs da Liga Galega-B de traíñas. Son: CR Esteirada (Muros), CR Muros, CR Cabo da Cruz, CR Virxe da Guía, CR Vila de Cangas, CR Salgado-Perillo, CR Mugardos, CR A Cabana-Ferrol e o anfitrión, Club de Remo de Cedeira.

A regata consta de tres series con tres equipos participantes en cada unha delas. As embarcacións, que sairán do espigón, terán que cubrir unha distancia de 5.556 metros.

O vencedor da proba farase coa III Bandeira Concello de Cedeira. A organización repartirá un total de 5.000 euros entre os clubs participantes.

Cedeira despediu hoxe aos últimos participantes do campus de fútbol da RFEF

CEDEIRA DESPEDIU HOXE AOS ÚLTIMOS PARTICIPANTES DO CAMPUS DE FÚTBOL DA RFEF

O auditorio de Cedeira acolleu hoxe a clausura do Campus de Fútbol da Real Federación Española de Fútbol (RFEF). O alcalde, Pablo Moreda Gil, presidiu un acto que tamén contou coa presenza do representante da Federación Española de Fútbol Jesús Paredes e do xogador Nando, internacional en dúas ocasións coa selección absoluta e lateral esquerdo tanto no Valencia Club do Fútbol como no Deportivo da Coruña. Tamén foi adestrador do Somozas entre os anos 2009 e 2011.

Por segundo ano consecutivo a RFEF apostou pola vila de Cedeira como sede do Compus de Fútbol dirixido a mozos e mozas con idades comprendidas entre 8 e 17 anos de idade. A actividade se levou a cabo en dúas quendas, dando comezo o día 15 e finalizando na xornada de mañá día 28 de xullo. As instalacións tanto do campo de fútbol municipal como do pavillón polideportivo acolleron o programa de formación mentres que o colexio público Nicolás del Río foi o lugar de descanso duns rapaces que hoxe recolleron os seus diplomas nun acto no que tamén recibiron o cariño de profesores e do público en xeral.

A XXII edición da travesía a nado “Ría de Cedeira” será o sábado 11 de agosto

A XXII EDICIÓN DA TRAVESÍA A NADO “RÍA DE CEDEIRA” SERÁ O SÁBADO 11 DE AGOSTO

Coincidindo coas Festas da Patroa, o día 11 de agosto a vila acollerá a vixésimo segunda edición da travesía a nado “Ría de Cedeira”. Un ano máis, o Club Natación Cedeira Muebles García e o Concello ponse ao fronte da convocatoria, que tamén conta coa axuda da Taberna Jojó e da tenda Decobaño.

Estes días xa está aberto o prazo de inscrición, trámite que se debe levar a cabo na páxina www. ranckr.com, así como calquera tipo de consulta relacionada coa proba que dará comezo ás 16.30 horas do sábado día 11 do mes de agosto. A saída terá lugar na praza de Marieta.

A recollida dos gorros será ata as catro da tarde. Os prezos por participar oscilan entre os 4 e 6 euros, en función do día no se que faga a reserva. Catro son as categorías previstas para unha competición que ten moitos seguidores.

Son: 100 metros (2009 e posteriores), 400 (2007 e 2008), 800 (2006 e anteriores) e 1.500 (2003 e anteriores). Ademais, e desde o ano 2017,a convocatoria inclúe unha travesía non competitiva de colchós inchables cunha distancia de 100 metros.

Non é necesario inscrición previa pero é imprescindible que cada participante leve o seu propio colchón. O organización conseste o uso de neopreno.