Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

O CONCELLO DE CEDEIRA LEVOU A PATRIMONIO A PROPOSTA PARA AVANZAR NA RECUPERACIÓN DO CASTRO SARRIDAL

O alcalde e o concelleiro de Cultura, Patrimonio e Deportes, Pablo Diego Moreda Gil e José Antonio Rodríguez, mantiveron onte unha reunión en Santiago coa directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, para falar dos próximos pasos da escavación arqueolóxica do Sarridal. A responsable autonómica, segundo informan os responsables cedeireses, acolleu moi favorablemente o proxecto de acometer en vindeiras campañas o levantamento do camino asfaltado que vai pola beira do xacemento.

Desde o goberno local recordan que a Dirección Xeral de Patrimonio e o Concello de Cedeira manteñen desde hai seis anos, cando se realizaron as primeiras catas no castro, unha excelente sintonía, de maneira que ambas as dúas institucións foron financiando alternativamente as sucesivas campañas de escavación e de consolidación dos restos. A reunión de onte confirmou este espíritu de colaboración co que os responsables do Concello están convencidos de que poderá continuar adiante a posta en valor do xacemento.

A seguinte fase de traballos que se quere abordar abrangue a retirada do camiño que bordea as estruturas castrexas xa levantadas e que se dirixe ao Castelo da Concepción, para recuperar os restos que están por debaixo e que completarán a exhumación do foxo, o pavimento e o muro. Para garantir a circulación de peóns pola zona, ao tempo que se poñen en valor estes restos, haberá que construír unha ponte de madeira sobre a zona a escavar que requerirá un investimento duns 18.000€. En total, as necesidades de financiación desta nova fase das actuacións ascende a uns 36.000€, contando esta ponte, a consolidación da última campaña e a excavación na zona do camiño.

O Concello de Cedeira impulsou no ano 2017, co apoio da Xunta de Galicia, a escavación do castro Sarridal. O achado dun monumento con forno e cunha pedra formosa, o equivalente na cultura castrexa a un balneario actual, confirmou cos primeiros traballos a importancia do xacemento, xa que estes son elementos dos que só se descubriron cinco ata o momento en Galicia. Cómpre destacar que desde aquela, e a través das sucesivas campañas que se levaron adiante ano a ano, puido corroborarse que o asentamento estivo habitado desde o século III ou IV antes de Cristo ata, polo menos, o IV ou o V despois de Cristo, de maneira que hai restos da época castrexa e posteriores, da galaico-romana.

Para seguir avanzando no futuro, o Concello de Cedeira leva xa tempo contactando con propietarios das fincas colindantes aos terreos escavados, coa finalidade de compralas e ampliar esta importante escavación na península do Sarridal.

CEDEIRA PROGRAMA UN ANO MÁIS O CICLO “CANTOS E CONTOS AO SOLPOR” PARA DESPEDIR AO VERÁN

O Concello de Cedeira está a desenvolver neste mes de setembro unha nova edición do ciclo “Cantos e contos ao solpor”, un programa que cada ano tira da forza da narrativa oral para afrontar con bo humor o paso do verán ao outono. Tras a estrea o pasado sábado na asociación de vecinos de Régoa a cargo do narrador Caxoto, o ciclo viaxará o vindeiro sábado ao local social de Tarroiba, en Cervo. A compañía Xarope Tulú representará alí a peza “Vicio houbo sempre”, ás 20.00h.

Xarope Tulú é unha compañía formada pola actriz Atenea García e o escenógrafo e músico Nicolás Zamorano. No espectáculo “Vicio houbo sempre”, dirixido ao público adulto, compártense historias de vida recollidas en conversas con diferentes mulleres moi por riba dos oitenta anos e relacionadas coas normas sociais e o vello costume de transgredilas.

O ciclo terá unha terceira cita o vindeiro día 16 de setembro no local da asociación de vecinos de San Román. Ese sábado, tamén ás 20.00h, os contos correrán a cargo do actor Quico Cadaval. O seu espectáculo leva por título “Complexo de Edipo” e é un diálogo imaxinario do narrador coa súa nai no que transita da traxedia ao ridículo.

PANEIS EXPOSITIVOS SOBRE O XEOPARQUE CABO ORTEGAL NA PRAZA DA MARIETA

A Asociación para a xestión do Xeoparque Cabo Ortegal continúa coa organización da súa exposición itinerante con paneis didácticos sobre esta figura recoñecida pola UNESCO, que daba inicio en San Sadurniño e en Valdoviño o pasado mes de agosto, dando paso este mes de setembro a novos espazos públicos, como son:

  • Do 4 ao 10 de setembro, en Cedeira, na praza de Marieta (paseo marítimo)
  • Do 11 ao 17 de setembro, en Cerdido, diante da casa do Concello.
  • Do 18 ao 24 de setembro, en Cariño, na Porta da Puliga.

A exposición seguirá operativa nos meses de outubro e novembro en Moeche e en Ortigueira; está financiada pola Deputación da Coruña e consta de 4 paneis dobres, enmarcados nunha estrutura de ferro, que tratan a orixe do Xeoparque Cabo Ortegal, a definición desta figura, que busca o desenvolvemento local do territorio, os Geosites e os Lugares de Interese Xeolóxico (LIX), ou o funcionamento da rede mundial de Xeoparques da UNESCO.

Deste modo, poderase coñecer durante a exposición os 16 Xeoparques que operan no territorio estatal e realizar un percorrido moi visual pola historia do Xeoparque Cabo Ortegal, con datos moi curiosos ordenados nunha liña temporal. Esta cronoloxía fai alusión a Isidro Parga Pondal, ilustre químico galego e apaixonado da xeoloxía, que en 1958 realiza o Mapa Tectónico de Galicia. Este mapa foi considerado excepcional e novidoso en toda Europa, atraendo ás Universidades Centroeuropeas que realizaban aquí as súas investigacións. Foi realmente o preludio para que, nos anos 80, as Escolas de Xeoloxía Nacionais comezasen a visitar a zona para profundar e completar os estudos das peculiaridades xeolóxicas deste enclave tan singular, realizándose un elevado número de teses doutorais.

Os paneis tamén recordan a visita no mes de agosto de 2022 dos auditores da UNESCO, Chris Woodley-Stewart (Reino Unido) e César Goso (Uruguay), para realizar a auditoría in situ e avaliar a calidade do proxecto. Este momento foi clave para acadar a aprobación definitiva, na 216º Sesión do Consello Executivo da UNESCO, do Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial.

OUTRAS ACCIÓNS PARA ESTA SEMANA

Así mesmo, e dada a necesidade de seguir pulando pola investigación e adquisición de capacidades de cara o bo desempeño e xestión do Xeoparque Cabo Ortegal, o xeólogo Francisco Canosa participará a principios de Setembro en Marrakech nun encontro da Rede Internacional de Xeoparques, denominado10th International Conference on UNESCO Global Geoparks 2023”.

O encontro terá lugar entre os días 7 a 11 de Setembro e facilitará o intercambio de boas prácticas entre os distintos xeoparques, mediante a realización de varios workshops temáticos, participando UGGp Cabo Ortegal no grupo de traballo denominado “Xeoparques: conversación e valorización dos lugares do patrimonio xeolóxico”. Ademais, no marco desta convención, levarase a cabo a Asemblea Xeral do GGN, coa participación por primeira vez do noso Xeoparque, e a posterior visita de campo ao Xeoparque M’Goun na zona de Azilal e de Béni Mellal.

Esta será a primeira intervención da Asociación como Global Geopark e constituirá unha ocasión para coñecer, de primeira man, outras fórmulas de xestión, metodoloxías de interpretación e divulgación e actividades educativas, que se podan transferir como boa práctica á Asociación, para reforzar o seu traballo interno e tecer a rede coas “entidades amigas”, asociacións do territorio que actúan como prescriptoras e impulsoras deste ambicioso proxecto.

Outra das accións programadas dende a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal será a aprobación e posta en marcha do proceso de selección dun equipo técnico propio, encargado de coordinar e definir a estratexia dos vindeiros anos. A creación desta estrutura administrativa será necesaria para garantir a estabilidade do Xeoparque, a consecución dos obxectivos marcados pola UNESCO e a consolidación do proxecto.