Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

O CONCELLO DE CEDEIRA ENTRA NA REDE DE DESTINOS TURÍSTICOS INTELIXENTES

O Concello de Cedeira acaba de entrar a formar parte da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, unha sociedade impulsada pola Secretaría de Estado de Turismo e dirixida a promover a mellor xestión, planificación e imaxe dos recursos a través dunha estratexia baseada na innovación, a tecnoloxía, a accesibilidade e a sostibilidade. Segundo destacou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, a rede constitúe un nexo de unión entre o sector turístico público e o privado “e representa, en definitiva, un espazo no que atopar ferramentas para mellorar a competitividade de Cedeira como destino turístico”.

A Rede de DTI cumpre tres anos de existencia e integra, nestes momentos, 483 destinos, 63 institucións e 89 empresas colaboradoras. Entre outras actividades, a rede adoita promover actividades de formación, así como publicar manuais e guías de boas prácticas en relación con diferentes aspectos da xestión turística, como foi no seu momento a adaptación das praias ao contexto da Covid-19, ou outros temas como dixitalización ou a creación de páxinas web.

RECIBIMENTO EN SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO A UN GRUPO DE PEREGRINOS DE AVILÉS QUE PERCORREN O CAMIÑO DO MAR

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e a concelleira de Turismo, Carmela Prieto, acudiron este domingo a Santo André de Teixido para recibir a un grupo de máis de 140 peregrinos de Avilés que están a percorrer o Camiño do Mar. O encontro serviu ao rexedor local para reivindicar a importancia desta ruta, a única que pasa polos dous puntos de peregrinación galegos, Teixido e Santiago, e para expresar o apoio do Concello de Cedeira á Asociación de Amigos do Camiño do Mar na difusión e no impulso deste percorrido, “que é unha realidade chamada a sumar nos atractivos turísticos e na dinamización económica do noso territorio”.

Os peregrinos pertencen á Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Avilés e comezaron a realizar a ruta o pasado ano en Ribadeo. Van completando as etapas en diferentes fines de semana e esta última discorreu desde San Andrés de Teixido ata a vila de Cedeira. No recibimento en Santo André estivo tamén Manuel Vicente, o presidente da Asociación de Amigos do Camiño do Mar, quen recordou que o percorrido ten xa o recoñecemento da Igrexa como camiño xacobeo, de maneira que as persoas que o completan reciben a súa “Compostela”. Reclamou, iso si, o apoio da Xunta de Galicia no impulso desta ruta e recordou que o camiño ten acreditada a súa tradición histórica, a dos peregrinos que ían cara a Santiago entrando por Vilalba e destacou que o itinerario une tres santuarios tan destacados como a basílica de San Martiño de Mondoñedo en Foz, o de Santo André de Teixido e a catedral de Santiago de Compostela.

Os representantes do Concello de Cedeira e o responsable da Asociación de Amigos do Camiño do Mar falaron da creación dun selo propio para acreditar na “Compostela” o paso dos peregrinos pola etapa de Santo André de Teixido, que sen dúbida levará a figura do “peixe” que é xa a marca territorial de Cedeira.

DÍA DE ROSALÍA

A biblioteca municipal López Cortón volve tamén este ano a celebrar o Día de Rosalía en modo presencial, despois de promover o pasado ano unha lectura de poemas polas redes sociais. Desta volta, o Concello chama a veciños e veciñas a acudir e participar este mércores, a partir das 12.00 horas, na lectura de versos da autora de “Follas Novas” que se fará na biblioteca.