Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

Inicio das clases de manualidades

INICIO DAS CLASES DE MANUALIDADES

Este venres comezan as clases de manualidades impartidas por Fernando Villoslada. As clases, gratuitas e abertas a todo o mundo, terán lugar desde esta semana ata o mes de decembro no baixo da Praza da Rectoral, e nelas desenvolveranse actividades de modelado en barro, escaiola, xeso, elaboración de moldes e restauración.

Para máis información e incripcións, pode achegarse á Oficina de Turismo ou contactar telefónicamente (981 482187).

 

No Samaín deste ano haberá obradoiros para nenos, pasarrúas de cabazas pola zona vella e concurso de curtas

NO SAMAÍN DESTE ANO HABERÁ OBRADOIROS PARA NENOS, PASARRÚAS DE CABAZAS POLA ZONA VELLA E CONCURSO DE CURTAS

O Samaín sinala a chegada do outono en Cedeira. A celebración deste programa, que se desenvolverá a próxima semana e que terá como datas máis polulares as xornadas do 27 e 28, invita a nenos e maiores, a veciños e visitantes a participar dunha tradición que, no caso da vila, foi recuperada pola Asociación de Amigos do Samaín hai agora case 30 anos.

A organización dos actos corre a cargo do Concello, que conta coa colaboración da ANPA Picapeixe nas actividades protagonizadas polos alumnos do colexio Nicolás del Río. Esta programación especificamente dirixida aos alumnos do centro dará comenzo o luns cun obradoiro de decoración de camisetas, que o martes será de chapas e o mércores e xoves de manualidades. Ademais, haberá sesións de contacontos e a presentación do libro “Catro contos de medo”, prevista para ás oito da tarde do próximo xoves. Durante eses días, a Sala Áncora abrirá as súas portas entre as cinco e oito da tarde para acoller todas estas citas.

Ademais, a partir de onte día 18, está aberto o prazo para participar no concurso de “Curtas Samaín”. A entrega do material pódese levar a cabo a través da Oficina de Turismo ou empregando a aplicación “wetransfer” ao correo amigosdesamain@gmail.com.

As celebracións entrarán, a partir do venres 27, nos dous días máis especiais deste calendario festivo. Nesta primeira xornada haberá obradoiros de colares de zonchos e de pintura para os máis pequenos, ás cinco da tarde, e a actuación de Paco Nogueira, a partir das sete.

Ao día seguinte, sábado, a festa continuará coa presentación de cabazas e melóns ao concurso, a celebración da tradicicional xincana (unha das probas será pasar pola casa das avisións), a “merendola do outono”, e o esperado pasarrúas de calabazas pola zona vella da vila cedeirense, a partir das 19.30 horas.

O acto de entrega de premios dará comezo ás oito da tarde, pero non será ata o día 1 de novembro cando se coñecerán os traballos presentados ao concurso de curtas. Esta última convocatoria terá lugar no auditorio, a partir das 19.30 horas. As demais, excepto as organizadas pola ANPA, celebraranse na carpa que o Concello instalará na zona portuaria.

O Concello presenta mañá no auditorio o documental sobre o traballo arqueolóxico en Punta Sarridal

O CONCELLO PRESENTA MAÑÁ NO AUDITORIO O DOCUMENTAL SOBRE O TRABALLO ARQUEOLÓXICO EN PUNTA SARRIDAL

O Concello de Cedeira convoca para mañá, e invita á toda a veciñanza a asistir, a presentación do documental sobre a actuación arqueolóxica levada a cabo na Punta Sarridal. Alejandro Ramil é o autor deste traballo audiovisual. O acto dará comenzo ás 20.00 horas e terá lugar nas instalacións da biblioteca da cafetería do auditorio municipal.

O goberno local, segundo a concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez, xa adianta a súa intención de darlle continuidade a esa primeira intervención realizada na zona, na que foron extraídos vestixios que levan aos expertos a situar no lugar un posible asentamento castrexo. Restos de cerámica e utensilios domésticos, así como o posterior descubremento de dous murallas defensivas, feitas en pedra, foron as evidencias máis significativas duns traballos levados a cabo por un equipo formado por cinco profesionais -o arqueólogo Emilio Ramil, tres auxiliares arqueólogos e un debuxante/topografo-. A actuación tivo lugar durante a pasada primaveira e agora se poderán coñecer polo miúdo os seus resultados.