Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

Cedeira súmase á campaña “En Negro” con cartelería e un vídeo

CEDEIRA SÚMASE Á CAMPAÑA “EN NEGRO” CON CARTELERÍA E UN VÍDEO

O reparto de carteis polos establecementos da vila e a edición dun vídeo que xa se pode ver na páxina web institucional (www.cedeira.gal) son algunhas das accións que o equipo de goberno está levando a cabo con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A estas iniciativas cabe engadir a adhesión de Cedeira á campaña “En Negro” promovida polo Concello de Santiago e que onte reunía no Pazo de Raxoi a representantes de 78 administracións públicas de Galicia nun acto que contou coa presenza do alcalde, Pablo Moreda Gil. A idea consiste en trasladar ás rúas unha problemática que en cifras este ano xa deixa 44 mulleres e sete menores asasinados.

O curso de informática para maiores arranca cunha lista de espera de 18 persoas

O CURSO DE INFORMÁTICA PARA MAIORES ARRANCA CUNHA LISTA DE ESPERA DE 18 PERSOAS

Éxito de participación no curso de informática para maiores organizado polo Concello, que deu comezo hoxe coa asistencia de 36 persoas e unha lista de espera de outras 18. A convocatoria superou todas as expectativas, tal e como vén de recoñecer o equipo de goberno, que non descarta unha segunda convocatoria cara ao próximo ano de haber xente. Neste caso, terán preferencia as persoas que agora non puideron asistir.

A aula multidisciplinar do pavillón deportivo acolle a iniciativa que na vila impartirase en sesións de mañá e tarde os martes e xoves, ata completar as 30 horas de duración da actividade. As clases son de 10.00 a 12.30 e de 16.30 a 21.00 horas.

Nos próximos días a actividade trasladarase ao lugar de Santalla -donde dará comezo o sábado- e nas parroquias de Montoxo e Esteiro, nas que arrancará o domingo e o mércores día 22, respectivamente.

O filme inspirado na obra homónima “Pelerinaxes I” de Otero Pedrayo exhibirase este domingo no Auditorio de Cedeira

O FILME INSPIRADO NA OBRA HOMÓNIMA “PELERINAXES I” DE OTERO PEDRAYO EXHIBIRASE ESTE DOMINGO NO AUDITORIO DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira participa no ciclo Cinemas de Galicia, no que este domingo, día 12, proxectarase o filme “Pelerinaxes I” na pantalla do auditorio municipal. Trátase dunha película de Simone Saibene inspirada na obra homónima de Otero Pedrayo. Na sesión, que dará comezo ás 18.00 horas, estará presente o director e produtor do filme.

“Pelerinaxes” fai o percorrido que hai noventa anos, en 1927, fixeron Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, entre Ourense e Santo André de Teixido. O camiño comeza na praza do Ferro da cidade das Burgas e continúa por diversos pobos das provincias de Ourense, Lugo e A Coruña.

O filme gañou o primeiro premio no 21º Avanca Film Festival en Portugal e foi exhibido en distintos certames internacionais, entre outros no espazo CineFil do Festival Interceltique de Lorient (Francia) e no 14º Independent Film Festival de Daca (Bangladesh).

O programa Cinemas de Galicia é unha iniciativa da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) coa que se busca incrementar tanto o número de pantallas dentro da comunidade autónoma como as posibilidades de exhibición dos títulos galegos máis recentes.