Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

Cedeira dá a coñecer o seu patrimonio coa proxección de vídeos sobre a riqueza xeolóxica e a pedra formosa do campo do Castro

CEDEIRA DÁ A COÑECER O SEU PATRIMONIO COA PROXECCIÓN DE VÍDEOS SOBRE
A RIQUEZA XEOLÓXICA E A PEDRA FORMOSA DO CAMPO DO CASTRO

O patrimonio estará moi presente nas próximas xornadas no día a día da xente da vila. Será o venres, día 26, cando o Concello de Cedeira dará a coñecer o vídeo da riqueza geolóxica do municipio, un traballo que leva por nome “Cedeira xeolóxica” e vinculado á participación de Cedeira no proxecto “Entre arcos e cantís”. Trátase dunha aposta polo ecoturismo financiada a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de A Mariña-Ortegal na que tamén están presentes os municipios de Ribadeo e Burela. De feito, no acto previsto para o venres -que será ás 20.00 horas no auditorio municipal- tamén se pasará o traballo audiovisual conxunto.

A segunda cita co patrimonio local terá lugar ao día seguinte, o sábado 27. Neste caso, consistirá na proxección do vídeo no que se recollen os traballos arqueolóxicos levados a cabo no Campo do Castro e que tan bos resultados deron coa localización da quinta “pedra formosa” de Galicia. O acto dará comezo ás 12.00 horas e será no auditorio. No mesmo participará o arqueólogo Emilio Ramil, responsable do grupo que tomou parte na excavación, que explicará o contido dunhas imaxes recollidas por Alejandro Ramil Blanco, así como a importancia dos restos alí atopados.

Desde o goberno de Cedeira invítase á veciñanza a secundar coa súa presenza a celebración duns actos convocados coa finalidade de aproximar aos veciños ao coñecemento dunha riqueza que debe servir de orgullo aos habitantes da vila e de recoñecemento por parte das persoas que a visitan.

A programación cultural do presente trimestre arrinca o día 20 coa obra “Danza da choiva” a cargo de elefante elegante

A PROGRAMACIÓN CULTURAL DO PRESENTE TRIMESTRE ARRINCA O DÍA 20 COA
OBRA “DANZA DA CHOIVA” A CARGO DE ELEFANTE ELEGANTE

A programación cultural do Concello de Cedeira para o presente trimestre arrincará o próximo sábado coa representación da obra “Danza da Choiva” a cargo da compañía Elefante Elegante.

Trátase dunha peza gañadora do premio María Casares 2017 ao Mellor Espectáculo Infantil e a súa temática está de absoluta actualidade por abordar o que pasaría se de súpeto deixara de chover sempre. Os seus efectos cómicos, plásticos e poéticos advirten, divirten e fascinan ao público familiar e infantil a partir dos tres anos.

A representación dará comezo ás 19.00 horas, terá lugar no auditorio municipal e a entrada custará 2,5 euros. María Torres e Gonçalo Guerreiro son os autores dunha obra que tamén están a dirixir e a interpretar. A música é responsabilidade de Mano Panforreteiro, o deseño da iluminación de Dani Pais, a coreografía de Ánxela Blanco e o vestuario de Marcia Edleditsch.

Cedeira organiza unha exposición sobre un consumo crítico e responsable

CEDEIRA ORGANIZA UNHA EXPOSICIÓN SOBRE UN CONSUMO CRÍTICO E
RESPONSABLE

O Concello de Cedeira, a través da área de Medio Ambiente, está a promover unha exposición dedicada ao Consumo Crítico e Responsable. Trátase dunha mostra na que, a través de doce imaxes e outras tantas directrices, se intenta concienciar á cidadanía sobre a necesidade de substituír o actual modelo de consumo masivo e soportado por unha publicidade “insufrible e moitas veces enganosa” -en palabras do concelleiro Camilo Casal-, por outro sostible que debería estar baseado no uso masivo de enerxías renovables, no aforro e nos principios da ecoloxía (reducir, reutilizar e reciclar).

O goberno municipal invita á veciñanza a visitar a mostra que está aberta ao público no local municipal situado na praza da Marieta (antiga oficina de turismo). Desde a área de Medio Ambiente apúntase que “todos os cidadáns somos responsables deste suicidio masivo, pero uns máis que outros en función, en gran medida, do país no que vivimos”.