Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

Empuxón ao Xeoparque do Cabo Ortegal

EMPUXÓN AO XEOPARQUE DO CABO ORTEGAL

O convenio aprobado o venres pola Deputación da Coruña supón o primeiro avance significativo do proxecto de creación do Xeoparque do Cabo Ortegal, do que se comezou a falar en 2011, a partir da instalación de paneis informativos en lugares con interese xeolóxico do municipio de Cedeira, como lembra o xeólogo Francisco Canosa; e que cobrou impulso desde fai un par de anos, da man das novas corporacións municipais e da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal.

A Administración provincial asinará un convenio cos sete concellos implicados na iniciativa -Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño-, cunha achega de 500.000 euros para este ano. O acordo alcanzado na sesión do venres, con apoio de todos os grupos políticos excepto o PP, que se abstivo, prevé a creación dun consello director, con representantes das administracións provincial e locais, con presidencia rotatoria entre os municipios. Este órgano xestionará a elaboración do plan director e o desenvolvemento do traballo previo á presentación da candidatura ante a Unesco para a declaración de xeoparque.

O convenio ten unha vixencia de catro anos, prorrogables por outros catro, e prevé que Deputación e concellos «asuman a xestión dos recursos persoais, materiais e técnicos dun proxecto que incidirá dun xeito positivo na súa proxección xeoturística», indican desde a institución provincial.

« Agora temos que facer unha memoria conxunta de todos os concellos e o plan director; e previamente a levar a candidatura necesítase un ano de traballo realizado, con actividades, sinalización, etcétera, polo que sería antes de abril de 2019 cando a presentariamos», explicaba a alcaldesa de Moeche, a nacionalista Beatriz Bascoy, convencida da importancia deste paso. «É o apoio real [por parte da Deputación] ao esforzo que se leva facendo estes dous últimos anos, coa boa sintonía entre os sete concellos, e con persoas e asociacións que están detrás e que apoiaron para empezar a andar este camiño», resaltou. A rexedora non entende a postura do PP, « cando hai corporacións nas que votaron a favor [ noutras abstivéronse] e cando en España hai xeoparques constituídos por concellos gobernados por este partido». E incide na necesidade de involucrar neste proxecto a colectivos veciñais ou culturais, e a establecementos e negocios privados.

O presidente provincial, Valentín González Formoso (PSOE), destacou que esta iniciativa «permitirá que os sete concellos xunten esforzos e traballen conxuntamente para a conservación e posta en valor do patrimonio […]; cun compromiso co desenvolvemento local». Xosé Regueira (BNG), deputado de Turismo e Patrimonio, incidiu en que « as sinerxias contribuirán á conservación e á difusión do patrimonio».

¿Que diferencia esta zona para poder optar á declaración de xeoparque? «Aquí atópase o maior afloramento do mundo dun tipo de rochas, as eclogitas, xa que de forma habitual atópanse a máis de 70 quilómetros de profundidade. Pero tamén son moi importantes outras rochas como as serpentinitas, granulitas e peridotitas, así coma os restos de lavas volcánicas submarinas que formaban parte dun antigo océano hai 350 millóns de anos. Por tanto, cando un vén a esta zona é coma se fixese unha viaxe ao interior da terra. A día de hoxe non existe ningún xeoparque con estas formacións xeolóxicas tan singulares, o que o fai único», resume Canosa.

A xerente do Xeoparque da Costa Vasca, que entrou a formar parte da Rede Europea e Global de Xeoparques en 2010, sintetiza as tres esixencias básicas para lograr este recoñecemento: «O territorio debe ter un importante patrimonio, basicamente xeolóxico, pero que debe ir acompañado por elementos naturais e culturais; debe haber persoas que participen do proxecto e que este repercuta na súa calidade de vida; e ten que haber unha estratexia de xestión baseada no desenvolvemento sustentable».

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Empuxón ao Xeoparque do Cabo Ortegal

Festival de coplas de entroido

FESTIVAL DE COPLAS DE ENTROIDO

Este ano, polo entroido,
Logo do baile e da farsa,
Do desfile das comparsas,
Co quero, mais xa non poido…

Faremos lumes no ar,
Deses que queiman o senso,
Que transforman rostros tensos
Nas risas que fan sandar!

Desfarémonos da lousa
Que nos cubre todo o ano
Para gustarlle a Mariano
Porque aquí facemos cousas.

E así iremos para o Auditorio
O día once de febreiro
Cantar o son retranqueiro
Que deixa ao rico en coiros

Coa túa participación podemos facer un entroido máis grande na nosa Vila.
Anímate! Fai a túa copla e ven cantala, contala, teatralizala, ou o “-ala” que ti queiras! Ven so, en parella, en grupo ou grupaso. Apúntate antes do 8 de febreiro no concello (649 876 614 ou no correo enrique.vazquez@cedeira.es) e participa neste primeiro festival de coplas de Entroido de Cedeira.
O festival queda supeditado a un número de participantes suficiente para garantir un tempo de actuacións dunha hora (aprox)

Aprobación da convocatoria e bases do concurso de disfraces entroido 2018

APROBACIÓN DA CONVOCATORIA E BASES DO CONCURSO DE DISFRACES
ENTROIDO 2018

Para fomentar a participación e manter a tradición do entroido, o Concello de Cedeira organiza o “Desfile de Entroido 2018” o sábado 10 de febreiro de 2018 e convoca á veciñanza a participar nel e no tradicional concurso de disfraces.

Pode consultar as bases do concurso na apartado da web de concursos culturais e deportivos dispoñible na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Concursos culturais e deportivos