Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

Cedeira prepara os actos de recordo e homenaxe aos represaliados polo franquismo

CEDEIRA PREPARA OS ACTOS DE RECORDO E HOMENAXE AOS REPRESALIADOS POLO FRANQUISMO

O Concello de Cedeira ultima os actos cos que un ano máis o goberno municipal e a veciñanza da vila recordarán aos represaliados polo franquismo con actividades e homenaxes.

A programación arrincará este sábado coa celebración da primeira das citas. Será unha representación teatral a cargo do grupo Chévere que porá en escena a obra “Goldi Libre”. A sesión dará comezo ás 20.00 horas, terá lugar no auditorio e rematará cunha charla aberta sobre o movemento de insubmisión, no que tamén estará Robustiano Labraña, o concelleiro de Ensino, Mocidade e Lingua. O prezo da entrada é de 2,5 euros. “Goldi libre” é un traballo de teatro-documento sobre o movemento de insubmisión que levou a centos de xoves ao cárcere como presos de conciencia e que tivo como consecuencia inmediata a suspensión do servizo militar obrigatorio despois de máis de 150 anos de vixencia.

A seguinte actividade terá lugar o xoves, día 12, e consistirá nunha conferencia a cargo do historiador Enrique Barrera, que leva por título “Golpe de estado do 23 F, o que non nos contaron” e que está basada na tese doutoral do profesor Roberto Muñoz Bolaños.

As citas conmemorativas rematarán o próximo domingo co actos de homenaxe e recordo ás persoas represaliadas de Cedeira e as que sufriron prisión no campo de concentración que houbo na localidade durante a guerra civil. A praza da Revolta volverá ser a referencia para as persoas que desexen secundar coa súa presenza a celebración dun encontro que será ás 12.30 horas e no que estarán presentes, ademais dos responsables municipais, representantes da Asociación Memoria Histórica Democrática.

Cedeira incrementará con dous técnicos máis o cadro de persoal da oficina de turismo cara aos meses de verán

CEDEIRA INCREMENTARÁ CON DOUS TÉCNICOS MÁIS O CADRO DE PERSOAL DA
OFICINA DE TURISMO CARA AOS MESES DE VERÁN

A primeira escapada do ano deixou un saldo positivo na vila.

O cadro de persoal adscrito á oficina de turismo de Cedeira se verá reforzado este ano coa incorporación de dous traballadores eventuais ademais da técnica contratada de forma fixa. É o resultado da solicitude tramitada polo Concello ante a Deputación para financiar gastos de persoal vinculados a este tipo de servizos en municipios de menos de 50.000 habitantes. O importe da axuda ascende a 15.482,40 euros para as contratacións que se producirán cara á tempada de verán, segundo confirmou a responsable de Cultura e Turismo, María Xosé Rodríguez Pérez.

Esta noticia vén de coincidir co balance da campaña de Semana Santa que, a pesar da adversa meteoroloxía, deixou bos resultados en canto á presenza de visitantes ao longo de toda a semana. Así o reflicten os datos recadados na mesma oficina de turismo, situada na avenida Castelao, pola que pasaron cerca de 300 viaxeiros para coñecer os puntos de interese e os recursos que visitar durante a súa estancia na vila.

O castelo da Concepción tampouco quedou atrás no que se refire á concorrencia de turistas. Durante os catro días nos que houbo visita guiada, pola fortaleza pasaron un total de 199 persoas, sendo a xornada do xoves a de maior afluencia con 61 visitantes. Entre os viaxeiros houbo xente de moi distinta procedencia. Así, ademais de moitos galegos de Vigo, A Coruña, Pontevedra e Zas, tamén coñeceron a fortaleza xente de Valladolid, Madrid e do País Vasco e visitantes extranxeiros de Italia, Sudáfrica e Italia, entre outros lugares.

Por último, o programa das Xeorutas tamén deixou un saldo positivo, xa que foron cubertas as 35 prazas ofertadas, as vinte da rota do Cromo e as 15 para baixar ata as Praias Negras.

O goberno de Cedeira fai un balance moi positivo desta primeira escapada do ano e confía en que a devandita tendencia se consolidará cara á tempada estival.

Persiste o risco de derrubamento no acceso ao porto

PERSISTE O RISCO DE DERRUMBAMENTO NO ACCESO AO PORTO

El presidente de Portos visita hoxe a zona e o Concello avoga por tallar todos os eucaliptos da ladeira.

O perigo de novos derrubes no acceso ao porto de Cedeira persiste, polo estado do terreo, moi húmido tras meses de intensas choivas, ou as bolsas de auga dos depósitos situados na parte alta. Hai unha semana desprendeuse parte da ladeira, arrastrando varios eucaliptos, que atravesaron os dous carrís do viario e chegaron ata a praia, obrigando a cortar o tráfico e a regular a entrada e a saída á zona do peirao durante varias horas. O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, ten previsto visitar hoxe a zona, tras confirmar que «polo menos parte» da superficie afectada pertence ao ente autónomo. Nun primeiro momento dubidaron, debido a que non aparece rexistrado como tal no Catastro.
No lugar onde se produciu o desprendemento erixíase unha antiga fábrica de conservas, da que aínda se conserva algún muro, que se abastecía de auga dos depósitos construídos na parte alta, dos que hoxe se fornecen as casetas dos mariñeiros situadas á dereita da entrada do peirao. Desde o pasado martes, estas construcións carecen de subministración de auga.
«Que se faga canto antes»
Técnicos de Portos desprazáronse o luns ata Cedeira para comprobar o estado do terreo e constataron o risco que implican os eucaliptos, con enormes cepellones. «Segue entrañando perigo», reiterou onte o alcalde, o socialista Pablo Moreda, que avoga por que se tallen todas as árbores e apontóese o noiro, ademais de plantar toxos ou outro tipo de vexetación que substitúa o eucaliptal. E pide «que se faga canto antes, sexan de quen sexan». Apunta que no seu día se debeu comprar ou expropiar este terreo para a construción da conserveira, co acordo de que os antigos propietarios puidesen comercializar a madeira. O derrube ocorrido á primeira hora da tarde do 27 de marzo non causou danos, pero si xerou alarma, por tratarse dunha zona con moito tráfico de vehículos e tamén moi frecuentada a pé, ao longo do paseo. No operativo interviñeron os Bombeiros de Ferrol, voluntarios da agrupación cedeirense de Protección Civil, que permaneceron de garda durante a noite do martes ao mércores para impedir o paso a calquera vehículo non relacionado coa actividade portuaria, e a Policía Local, que retomou a vixilancia pola mañá.
Os traballos de retirada das árbores que ocupaban a calzada axilizáronse e desde a tarde do mércores o viario quedou expedito. O acceso está libre, pero hai preocupación no Concello e en Portos polo estado da ladeira, dado que seguiu chovendo, agravando o risco de caída.

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Persiste o risco de derrubamento no acceso ao porto