Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

A ASOCIACIÓN DE MAIORES DE CEDEIRA VOLVE CELEBRAR A SÚA TRADICIONAL FESTA DOS MAIOS

A Asociación de Maiores de Cedeira volve a celebrar este ano, despois de dous anos de ausencia pola pandemia e coa colaboración do Concello, a Festa dos Maios. Será mañá no Auditorio Municipal, a partir das 20.00 horas, e na mesma cantarán e tocarán diferentes músicos de Cedeira.

A Asociación de Maiores colocará un maio grande no centro do escenario, así como outros dous máis pequenos nos laterais. Un grupo de socias serán as primeiras en subir ao escenario para cantar, e despois virán outras actuacións de diferentes veciños e veciñas, afeccionados á música e que cantan ou tocan diferentes instrumentos. Ao rematar a festa, servirán uns pinchos no segundo piso do Auditorio.

A BANDA DE MÚSICA VILA DE CEDEIRA OFRECE ESTE MÉRCORES O TRADICIONAL CONCERTO DAS LETRAS GALEGAS

A Banda de Música Vila de Cedeira ofrecerá este mércores o seu tradicional Concerto do Día das Letras Galegas. A cita será ás 19.00 horas no Auditorio Municipal, con entrada de balde, e o recital levará por título “Lendas, contos e…música”.

Baixo a dirección de Eduardo Mallén, a Banda de Música Vila de Cedeira intercalará nesta ocasión a lectura de pequenas pasaxes de contos e lendas, tal como anuncia o título do concerto, cun repertorio musical no que destacará a presenza de compositores galegos como David Fiuza.

A Banda de Música de Cedeira ten consolidado o seu prestixio coa súa traxectoria de máis de trinta anos, tempo no que levou diferentes premios e participou en eventos de dentro e fóra de Galicia. Nos últimos anos viviu un cambio xeracional, coa incorporación de novos instrumentistas e un novo director, Eduardo Mallén, un reforzo máis cara o futuro dunha formación que exemplifica o gusto e a tradición musical de Cedeira.

A COMPAÑÍA ELEFANTE ELEGANTE REPRESENTA EN CEDEIRA A SÚA OBRA “ALMA DE TIGRE”

A compañía teatral Elefante Elegante representa mañá no Auditorio de Cedeira a súa obra “Alma de Tigre”, unha peza que fala das relacións familiares a través dos recordos de tres irmáns que se atopan nunha casa estartalada para vendela tras a morte da nai. A función será ás 20.30 horas e as entradas poden adquirirse desde media hora antes na billeteira ao prezo de 2,5€.

“Alma de tigre” é unha creación de Gonçalo Guerreiro, responsable tamén da dirección e a escenografía. María Torres leva a dirección artística e forma parte tamén do elenco xunto con Pablo Sánchez, Mario Rodríguez e Julia Laport. A danza, as artes visuais e o cinema mudo transitan pola obra, como é habitual nas montaxes da compañía Elefante Elegante, radicada desde hai uns anos en Culleredo pero orixinalmente nada en Bélxica e creada por actores e actrices de diferentes países que apostaron por traballar cunha linguaxe plástica, poética e universal que non dependera exclusivamente do texto.

Por outra banda, a parroquia cedeiresa de Esteiro celebra desde hoxe as súas festas patronais na honra de Santo Isidro. Esta noite a partir das 22.30h celebrarase unha verbena na que actuarán La Banda del Muelle, Sin Tron ni Son e El Mercado del Rosen, xunto co Dj Brunookawi.

Mañá sábado celebrarase a misa solemne ás 13.30 horas, seguida pola tradicional procesión. A continuación haberá una sesión vermú amenizada polo grupo Pasión. O mesmo conxunto tocará de novo pola noite, nunha verbena na que tamén actuará o grupo Fussion. Para o domingo está prevista unha sesión vermú, a partir das 13.30h, co grupo Antha.