¿QUE DEBO FACER NO CASO DE VER UN NIÑO DE VESPA VELUTINA?
Se detecta un niño, non se achegue a el a menos de 5 metros, e comuníqueo ao número de Atención e Información á Cidadanía, 012.
Se a ve, chame ao 012
¿QUE É A VESPA VELUTINA?
A Vespa velutina, ou avespa asiática, é unha especie invasora que chegou a Europa no ano 2004 procedente do sueste asiático. En Galicia, detectouse no ano 2013.
¿QUE EFECTOS TEN A VESPA VELUTINA?
- Afecta á biodiversidade, pola predación sobre outros insectos autóctonos.
- Afecta á produción apícola e froitícola, pois unha parte importante da súa dieta está formada polas avellas e por froitas.
- Aínda que non son máis perigosas que outras avespas, a súa expansión por zonas urbanas ou semiurbanas incrementa o risco de picaduras para as persoas.
¿COMO SE DIFERENCIAN OS NIÑOS DE VESPA VELUTINA?
Os niños de Vespa velutina son de forma redondeada ou piriforme e de maior tamaño que os da avespa autóctona.
Atópanse principalmente no alto das árbores, e van crecendo ata chegar a medir a finais de outono aproximadamente 1 metro de alto x 0,8 metros de ancho.
Teñen a súa entrada de pequeno tamaño na zona media, a diferenza da avespa autóctona, cun orificio máis alongado na base.
Sempre que se asegure a eliminación da raíña, a destrución do maior número posible de niños é o método máis eficaz para o control desta especie, pois evita a produción de novas raíñas e a formación de niños no ano seguinte.
¿QUE PERIGO SUPÓN A VESPA VELUTINA PARA AS PERSOAS?
O risco que supón para as persoas a Vespa velutina é similar ao de calquera outra avespa.
- Non son máis agresivas que as avespas autóctonas e soamente atacan cando se ven ameazadas. Por iso é importante manterse a máis de cinco metros do niño.
- A composición do seu veleno é practicamente igual ao das avespas autóctonas.
- Poden representar un problema para aquelas persoas que sexan alérxicas, aproximadamente o 1% da poboación. Neste caso, deben ter especial coidado coas picaduras, non só da Vespa velutina, senón tamén doutras especies de avespas autóctonas.
O nome de “asasinas” que se lle da a estas avespas non deriva de que ataquen especialmente ás persoas, senón pola predación doutros insectos, sobre todo as abellas.
Para saber como actuar no caso de atopar un niño de velutina ou sufrir un ataque, pódese consultar a seguinte ligazón:
IR Á LIGAZÓN Recomendacións preventivas coa velutina (ISSGA)
¿POR QUE É IMPORTANTE DIFERENCIAR A VESPA VELUTINA DOUTRAS AVESPAS?
É fundamental diferenciar a Vespa velutina doutras especies autóctonas, en especial da Vespa crabro, xa que a eliminación destas, favorecería a expansión da especie invasora ao reducer os seus competidores naturais.
Máis información nos seguintes enlaces:
IR Á LIGAZÓN Cartel informativo Vespa velutina