Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

ARRANCAN OS TRABALLOS DO PROXECTO CEDEIRA MARIÑEIRA

Coincidindo co comezo da romaría de Santo André de Teixido, desprazámonos cara este enclave do municipio para comezar co traballo de campo do proxecto Cedeira Mariñeira. Este proxecto, xestionado polo Concello de Cedeira, traballará na implantación de dúas rutas mariñeiras polo territorio, ligadas ao patrimonio litoral e os oficios. Ambas rutas contarán cun track completo no perfil de Wikilock, información sobre os puntos máis relevantes para visitar e o testemuño dalgúns dos protagonistas da contorna, para que se poidan realizar de xeito autoguiado en calquera momento. Dúas rutas nas que calquera persoa, con ganas de aprender un pouco máis sobre o litoral, poida facelo mentres desfruta da paisaxe, os paraxes e a súa historia.

O Concello vén de xestionar outros proxectos como o de Cedeira MAR, no que se trataba de dar visibilidade a actividade extractiva no municipio a través de actividades como: obradoiros de sensibilización e saídas polo litoral dirixidos a escolares da vila, a presentación de paneis informativos sobre a actividade e o patrimonio mariñeiro e a realización de rutas polos enclaves do territorio. Estas rutas, en concreto, tiveron unha gran acollida, polo que se evidenciaba a necesidade de crear unha oferta de rutas permanente.

O proxecto Cedeira Mariñeira conta xa coa súa propia imaxe gráfica. Unha imaxe na que se mestura a identidade corporativa da vila – formando o conxunto o nome do proxecto – cos atributos diferenciais que evocan á actividade mariñeira e o litoral, véndose reflexada a imaxe típica do “sanandresiño” mergullado no mar.

Nos próximos días teremos a oportunidade de falar coas persoas que máis saben do territorio por medio de pequenas entrevistas. Persoas vinculadas directamente ao patrimonio litoral e mariñeiro, a través da súa tradición e os seus oficios. O seu relato serviranos para coñecer máis sobre os puntos clave do territorio que compoñerán as futuras rutas mariñeiras. Algunhas destas testemuñas serán recollidas en pequenas pílulas audiovisuais nas que se poderá coñecer un pouco máis sobre os seus oficios e a contorna na que os desenvolven. Pronto iremos coñecendo a cada unha destas persoas!

O proxecto “Definición, deseño e implementación de rutas tematizadas para a promoción do patrimonio mariñeiro do concello de Cedeira. CEDEIRA MARIÑEIRA” está impulsado polo Concello de Cedeira e conta co respaldo do GALP A Mariña-Ortegal e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).