Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A ÚLTIMA ESCAVACIÓN EN CASTRO SARRIDAL DESCUBRIU NOVAS ESTRUTURAS CASTREXAS BAIXO O NIVEL DO FORNO

O equipo de Axa Arqueoloxía rematou esta semana a última campaña de escavación no Castro Sarridal coa satisfacción de ter feito novas descubertas que confirman a importancia do xacemento e a súa ocupación durante case mil anos, desde o século III ou IV a.C. ata o V d.C. Segundo explicou o director dos traballos, Emilio Ramil, desta volta levantouse unha superficie duns 50 metros cadrados ao norte do monumento con forno, onde quedaron á vista partes de varios muros castrexos, nun nivel de ocupación inferior sobre o que se produciu unha reocupación, construíndo un valado que podería corresponderse coa época do forno e que tería a función de separar o espazo desta edificación singular coas zonas domésticas do poboado.

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e o primeiro tenente de alcalde, Xosé Antón Arribe Rodríguez, xunto con máis edís do goberno municipal, participaron esta semana na última das visitas ao xacemento programadas durante esta campaña para coñecer de primeira man estes avances. O arqueólogo Emilio Ramil explicou nela os diferentes niveis de ocupación que se teñen descuberto nas sucesivas escavacións.

Nesta última, quedaron á vista uns muros prerrománicos feitos coa argamasa amarela dos castrexos e viuse como sobre eles están asentadas as construcións posteriores, supostamente da mesma época na que se fixo o monumento con forno que o Carbono 14 situou no ano 230 a.C. Cómpre recordar que noutra campaña anterior atopáronse tamén restos dunha construción de uso comunal tardoantiga, da época que corresponde coa entrada dos visigodos e a cristianización. Xunto coas estruturas castrexas apareceron tamén pezas de cerámica de produción local, da mesma época. Tamén puido comprobarse a continuación cara ao cantil do desaugadoiro da sauna, unha canle que vai por debaixo do forno e que permitía vaciar a piscina.

Esta última campaña de escavación foi financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio, organismo que desde o inicio dos traballos arqueolóxicos, no ano 2017, vén alternándose co Concello na promoción das diferentes actuacións.

O alcalde, Moreda Gil, subliñou unha vez máis a importancia de coñecer o pasado e coidar este patrimonio importantísimo para a historia de Cedeira, e apuntou que o Concello traballa para poder levar adiante unha próxima campaña pola zona do camiño peonil que pasa xunto ao xacemento. É unha intervención custosa porque vai requirir a realización dunha ponte que garanta o paso durante o levantamento do terreo, de maneira que a administración municipal está a estudar a procura de financiamento a través da Deputación Provincial.