Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A segunda edición do festival de música GalegoPortuguesa terá como temática a lusofonía

A SEGUNDA EDICIÓN DO FESTIVAL DE MÚSICA GALEGOPORTUGUESA
TERÁ COMO TEMÁTICA A LUSOFONÍA

Será os días 15, 16 e 17 de xuño e haberá concertos, charlas e obradoiros.

O goberno de Cedeira presentou hoxe en rolda de prensa a segunda edición do Festival de Música Galego-Portuguesa, que este ano difúndese baixo o lema “Traz outro amigo tambén” e cuxa temática será a lusofonía. O programa será os días 15, 16 e 17 de xuño.

Así, a lingua estará moi presente nas actuacións musicais pero tamén nas charlas e obradoiros que completarán unha programación coa que se quere estreitar lazos de amizade co país veciño, reivindicar o valor da música como arma de transformación social e mesmo como vehículo de comunicación e encontro no ámbito da lusofonía.

-Vernes 15:

Ás 18.00 horas, na sala Áncora, obradoiro de danza africana impartido por Marta Coutinho, creadora da publicación Zampadanzas do Mundo, e ás 21.00 horas, no auditorio municipal, concerto de Luiz Caracol (músico, cantor e autor portugués que ten na xénese do seu traballo unha mestizaxe moi propia, fruto da influencia urbana da cidade de Lisboa e de África).

-Sábado 16:

Ás 17.00 horas, na sala Áncora, obradoiro de canto alentejano con Celina da Piedade, acordeonista, cantora e compositora; ás 20.30 no auditorio actuación de Couple Coffee, banda formada por músicos brasileiros residentes en Portugal e, a partir das 22.00 horas, concerto da cantante galega Uxía sobre o mesmo escenario.

-Domingo 17:

Ás 19.00 horas, concerto de Celina da Piedade acompañada polos asistentes ao obradoiro.

Ademais, todos os días haberá charlas para abordar cuestións como as normas ortográficas reintegracionistas ou o uso normalizado, entre outras. Estes encontros terán lugar no palacete municipal e serán ás 19.00 horas o venres e ás 12.00 tanto o sábado como o domingo. Son abertas ao público en xeral.

No caso dos obradoiros, a participación necesita inscrición previa.

Esta pódese facer a través do correo electrónico enrique.vazquez@cedeira.es, no whatsapp 673 223 414 e de maneira presencial na oficina de turismo.
As entradas aos concertos poderán retirarse no auditorio os días das actuacións desde dúas horas antes da entrada ao recinto.

No encontro cos medios de comunicación estiveron presentes o alcalde, Pablo Moreda Gil, os concelleiros de Ensino, Mocidade e Lingua, Robustiano Labraña, e a de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez, así como o técnico cultural, Enrique Vázquez. Todos eles coincidiron en destacar que “Cedeira incorporouse ao circuito de festivais de música coa celebración o ano pasado do programa dedicado a Zeca Afonso, unha figura universal que tamén estará moi presente na presente edición”.