A patrona maior da cofradía, Lucía Villar Martínez, primeira muller en recibir o premio “Muller da Vila”
A PATRONA MAIOR DA CONFRARÍA, LUCÍA VILLAR MARTÍNEZ, PRIMEIRA MULLER EN RECIBIR O PREMIO “MULLER DA VILA”
A patrona maior da Confraría de Pescadores de Cedeira, Lucía Villar Martínez, vén de se converter na primeira muller da localidade en recibir o premio “Muller da vila”, unha distinción concedida polas Amas de Casa con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora. Entre os argumentos, a entidade promotora da iniciativa recoñece na galardoada “a loita de tantas mulleres do mar por ser iguais a os homes, en traballos e dereitos” ao tempo que confía en que “seguirá a abrir camiño e será exemplo para as novas xeracións, levando con orgullo o de ser muller e da vila”.
A entrega do premio tivo lugar o pasado sábado no transcurso dunha cea na que tomaron parte case 100 persoas, entre as que se atopaban, en representación do equipo de goberno, as concellerías de Cultura e Turismo e de Servizos Sociais e Igualdade, María Xosé Rodríguez Pérez e Manuela López Rodríguez, respectivamente.
A concesión do premio materializouse coa entrega, por parte da presidenta das Amas de Casa, Ángeles Villar, dunha figura de peixeira con chal de lino e encaixe feito por algunha das socias e unha axenda personalizada de patchwork. Na súa intervención, Ángeles Villar agradeceu ás asistentes a súa presenza no acto e ás representantes municipais a colaboración do Concello na celebración dos actos organizados con motivo do día 8 de Marzo.