Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA A MELLORA DE VARIOS VIAIS QUE SUMAN MÁIS DE DOUS QUILÓMETROS DE PERCORRIDO

O Concello de Cedeira acaba de publicar o expediente de licitación do proxecto de “Mellora dos firmes nos lugares de Mundín, As Bieiteiras, Santallamar e Vilacacín e nas rúas C. Ponthus e Cuartel”, que suman en total máis de dous quilómetros de lonxitude. Trátase de seis viais situados nas parroquias de San Xiao de Montoxo, San Fiz de Esteiro e Santa María de Cedeira, cuxo arranxo vaise acometer con cargo ao POS+2023 cun orzamento de 130.338,45€ (IVE incluído).

As obras van afectar a catro camiños e dúas rúas. Dous dos primeiros están na parroquia de San Xiao de Montoxo: son os viais que unen a AC-566 cos núcleos das Bieiteiras e Mundín. O primeiro ten 404 metros de percorrido lineal e un ancho medio de 2,70 metros, mentres que o segundo suma 493 metros e 190 dunha bifurcación, cun ancho medio de tres metros.

O camiño de Santallamar tamén vai ser obxecto destas obras de mellora. É un vial de 415 metros de lonxitude que une o paseo marítimo de Cedeira con dito núcleo de vivendas, na parroquia de San Fiz de Esteiro.

Pertencen a Santa María de Cedeira o resto dos viais nos que se vai intervir. O de Vilacacín, que ten 305 metros de lonxitude, así como as rúas C. Ponthus, nos 225 metros que discorren paralelos ao río Condomiñas, e Cuartel, que percorre uns 65 metros entre a avenida da Area e Zumalacárregui.

En todos os casos os traballos van consistir no perfilado das cunetas e na extensión dunha nova capa de asfalto. En varios dos viais tamén se ampliará a plataforma para garantir un ancho uniforme e algo superior ao actual en todo o percorrido, mellorarase a recollida de pluviais e revisaranse a afección dalgunhas raíces das árbores para que non alteren a estrutura do firme.

Os pregos de condicións están publicados na Plataforma de Contratación do Sector Público. O procedemento é ordinario e segue o sistema aberto simplificado. As empresas interesadas en presentar a súa oferta poderán facelo ata o día 19 de xuño. O prazo de execución será de tres meses.